CITIC
Alvaro Michelena Citic.Udc

Premio Nacional para o traballo do investigador do CITIC Álvaro Michelena sobre a aprendizaxe intelixente aplicada ás instalacións de control de agua

19/07/2022 – CITIC

Un sistema de control intelixente máis rápido, óptimo e eficiente, que permite detectar as anomalías en tempo real das instalacións de control de líquidos. Este é o obxectivo do Traballo Fin do Máster Universitario en Informática Industrial e Robótica da EPEF do investigador CITIC da UDC Álvaro Michelena Grandío, quen vén de recibir o Premio Nacional Mejor TFM/TFG en Control Intelixente outorgado polo Comité Español de Automática (CEA), patrocinado pola empresa ASTI. O galardón, entregado no XVII Simposio de Control Inteligente do CEA, recoñece e estimula o traballo desenvolvido en relación ao control intelixente.

A proposta de Michelena xira en torno á aprendizaxe intelixente dos procesos de control de líquidos, entre eles a auga. Moitos destes procesos operan en continuo, sendo o controlador máis usado o PID (Proporcional-Integral-Derivativo) que require do axuste duns parámetros para os seu correcto funcionamento. Tradicionalmente, este axuste realizábase de forma empírica mediante sistemas que poden resultar lentos e pouco eficientes cando os sistemas a controlar non son lineais. É por iso que o proxecto realizado polo investigador do CITIC presenta unha solución que se basea na combinación de metodoloxía tradicional -como son os lazos de control PID autoaxustables e os algoritmos de identificación baseados en mínimos cadrados- cos máis recentes avances tecnolóxicos como son as redes neuronais e a aprendizaxe federada. Deste xeito, proponse simplificar a tarefa de identificación e control do procesos non lineais de control do nivel de líquidos.

A proposta final de Álvaro Michelena Grandío permite obter un modelo xeral de comportamento do sistema, de xeito que á hora de identificar e controlar outros sistemas iguais, o proceso efectuarase automaticamente e de forma más rápida, óptima e eficiente. “Isto é así porque se parte dun coñecemento previo do funcionamento do proceso e, ademais, a solución deseñada permite realizar a detección de anomalías en tempo real”, explica o investigador do CITIC, quen tamén forma parte do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPIF) do Campus Industrial de Ferrol.

O Premio Nacional Mejor TFM/TFG en Control Inteligente CEA 2022 a Álvaro Michelena vense a sumar a outros recoñecementos recibidos polo investigador este ano como o Premio Cátedra Emalcsa-UDC. Michelena graduouse en 2020 en Exeñaría Electrónica Industrial e Automática da Universidade da Coruña, obtendo o premio extraordinario da UDC. No obstante, iniciou a súa actividade investigadora en 2019 na antiga Escola Universitaria Politécnica (EUP), actualmente Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e dende maio 2021 forma parte do CITIC como técnico de apoio á investigación, colaborando con diferentes proxectos do centro. Así mesmo, dende decembro de 2021 é membro tamén do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética de la Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol do Campus Industrial de Ferrol.