CITIC

Premio nacional para un modelo do CITIC que fai as recomendacións dixitais máis comprensibles e ecolóxicas

02/06/2025 - CITIC
  • O traballo, desenvolvido por persoal investigador do centro TIC da Universidade da Coruña, foi galardoado pola Rede Española de Investigación en Sistemas de Recomendación (ELIGE-IA) como a mellor publicación científica do ano neste ámbito.
  • Os sistemas de recomendación suxiren contido personalizado, pero adoitan ser opacos e consumir moita enerxía. A proposta do CITIC usa imaxes para facelas máis comprensibles e reduce un 98% o tamaño do modelo e un 75% as emisións de CO₂.

A Coruña, 2 de xuño de 2025. Cada día, millóns de plataformas dixitais móstrannos suxestións: esa película que podería encantarnos, a canción que encaixa co noso estado de ánimo ou o produto perfecto para a nosa próxima compra. Detrás destas recomendacións hai sistemas intelixentes que analizan os nosos gustos e comportamentos para anticipar o que queremos.

Pero estes sistemas son como caixas negras: fan as súas predicións sen explicarnos como nin por que, e ademais requiren enormes recursos computacionais que impactan no medio ambiente.

Para cambiar esta realidade, un grupo de investigadores e investigadoras do CITIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación, desenvolveu BRIE, un modelo que utiliza imaxes seleccionadas de forma intelixente para explicar as recomendacións que recibimos, axudándonos a entender mellor as súas suxestións e, ao mesmo tempo, reducindo drasticamente o seu consumo enerxético.

O traballo foi recoñecido recentemente co Premio á Mellor Publicación Científica en Sistemas de Recomendación 2023-2024, concedido pola Rede Española de Investigación en Sistemas de Recomendación (ELIGE-IA), que reúne aos principais expertos estatais neste ámbito. Este recoñecemento destaca o traballo máis relevante a nivel nacional durante o período 2023–2024.

O artigo premiado, publicado na revista Information Fusion, titúlase “Sustainable transparency on recommender systems: Bayesian ranking of images for explainability” e é obra dos investigadores do CITIC Jorge Paz Ruza, Amparo Alonso Betanzos, Bertha Guijarro Berdiñas, Brais Cancela Barizo e Carlos Eiras-Franco.

Que son as recomendacións dixitais?

Cando unha plataforma nos suxire unha película, unha canción, un produto ou unha publicación, está a empregar un sistema de recomendación. Estas tecnoloxías inflúen en moitas das nosas decisións en liña: o que vemos en Netflix, escoitamos en Spotify, mercamos en Amazon ou lemos nas redes sociais.

Para facer estas suxestións, analizan os nosos gustos e hábitos co obxectivo de anticipar o que podería interesarnos. Aínda que resultan ferramentas moi útiles, o seu funcionamento adoita ser opaco: non explican as razóns detrás das recomendacións, o que pode xerar desconfianza. Ademais, adestrar estes modelos require grandes cantidades de enerxía.

Para ofrecer unha alternativa máis comprensible e eficiente, o equipo do CITIC desenvolveu BRIE, un modelo innovador que emprega imaxes seleccionadas de xeito intelixente para ilustrar o porqué de cada recomendación. Por exemplo, se unha plataforma suxire un produto, BRIE pode mostrar imaxes semellantes que o usuario valorase positivamente no pasado, facilitando así a comprensión do sistema.

O máis destacable é que BRIE consegue isto cunha eficiencia sen precedentes: reduce o tamaño do modelo nun 98% e as emisións de CO₂ asociadas ao seu adestramento nun 75%, sen perder precisión nin rendemento. Isto converte a BRIE nunha ferramenta non só máis transparente, senón tamén máis sustentable.

O modelo foi validado con éxito en seis conxuntos de datos reais e supera o rendemento dos sistemas actuais máis avanzados.

Rede nacional ELIGE-IA

Este logro foi recoñecido pola Rede Española de Investigación en Sistemas de Recomendación (ELIGE-IA), que reúne aos principais grupos científicos do país neste ámbito. A rede ELIGE-IA (RED2022-134302-T) está financiada polo Ministerio de Ciencia e Innovación e a Axencia Estatal de Investigación, dentro do programa de axudas a redes de investigación do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.

Cada ano, esta rede outorga o premio á mellor publicación científica no campo, valorando a innovación, o impacto social e a calidade dos traballos presentados. Nesta edición, o comité seleccionou o traballo do CITIC entre oito candidaturas de gran nivel.

IA ética, eficiente e explicable

O traballo premiado enmárcase en dous proxectos clave do CITIC: FrugalAI, que desenvolve algoritmos de intelixencia artificial capaces de funcionar en contornas con recursos limitados como o Internet das Cousas ou a robótica, e EthicDL, que busca combinar a potencia da aprendizaxe profundo con métodos máis interpretables para construír sistemas máis comprensibles e fiables.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes, así como unha área transversal: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).