CITIC
Talentos Inclusivos III

Presentada a III edición de Talentos Inclusivos, co obxectivo de espertar as vocacións TIC no alumnado de secundaria e bacharelato mediante a inclusión a través da tecnoloxía

04/11/2022 – CITIC

  • O proxecto impulsado polo CITIC e ASPACE Coruña conta co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a Consellería de Educación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)
  • Un xeolocalizador de prazas de discapacidade no Concello da Coruña, a adaptación de guiador en impresión 3D para persoas con hemiparesia, un soprador de velas adaptado, showroom de habitación domotizada e un botón adaptado para o prendido/apagado do ordenador son os retos detectados por ASPACE Coruña aos que o alumnado deberá atopar unha solución TIC

O programa Talentos Inclusivos, promovido polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a Asociación de Padres de Personas con Parálisis Cerebral de A Coruña (ASPACE) para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional, presentou esta mañá en A Coruña a terceira edición do proxecto. Un curso, o 2022-23, no que participarán unha decena de centros de secundaria e bacharelato, no que “é un exemplo de colaboración entre un centro de investigación e unha entidade do terceiro sector, para o que poñemos á súa disposición aplicacións, programas ou diferentes tecnoloxías que axuden a mellorar procedementos e métodos e faciliten a vida cotiá nos ámbitos persoal e social daquelas persoas que adoitan atopar máis obstáculos no acceso ás TIC”, segundo destacou o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.

A través de Talentos Inclusivos o alumnado de secundaria e bacharelato terá que buscar solucións TIC aos retos detectados por ASPACE Coruña coa finalidade de cumprir o dobre obxectivo do programa: espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a xuventude e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos cooperativos de traballo para resolver os desafíos propostos polas persoas con diversidade funcional. Entre os retos detectados para este curso destacan a busca de solucións tecnolóxicas para crear un xeolocalizador de prazas de discapacidade no Concello da Coruña, un botón adaptado para o acendido e apagado do ordenador, un soprador de velas adaptado, a adaptación do guiador en impresión 3D para persoas con diminución de forza motora ou parálise parcial (hemiparesia) e un showroom de habitación domotizada.

Na presentación do proxecto, ademais das entidades promotoras, o CITIC e ASPACE Coruña e alumnado dos centros educativos, participaron representantes das institucións que apoian o programa coma o Concello da Coruña, institución que se sumou ao programa a pasada edición. A súa alcaldesa, Inés Rey, salientou ao respecto: “O alumnado e os colexios da cidade que toman parte este ano no programa ‘Talentos inclusivos’ poden contar co noso compromiso para garantir que as súas ideas e proxectos chegarán ao tecido asociativo da cidade, porque é a transferencia de coñecemento desde o tecido investigador e formativo, á cidadanía, o que permite que os avances pasen a ser reais e efectivos”.

Na mesma liña, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez gabou esta iniciativa que enlaza dous ámbitos clave como son a convivencia escolar e a formación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) ao servizo dun sistema educativo de calidade e equitativo. “Dous aspectos -sinalou o conselleiro- que consideramos esenciais para garantir un modelo comprometido xusto e dinámico para todo o alumnado como é o caso do ensino galego, que é un referente nacional e internacional na aposta pola accesibilidade, a inclusión e a atención á diversidade”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, resaltou que Talentos Inclusivos entronca directamente cos valores e os principios que defende o Consello Social da UDC como son a procura dun modelo educativo máis inclusivo e unha universidade socialmente responsable, “o que nos levou desde o primeiro momento a colaborar estreitamente co CITIC e Aspace Coruña para impulsar este ilusionante proxecto”. Esta iniciativa, asegurou, demostra que a colaboración Universidad-Empresa-Terceiro Sector xera polos de innovación capaces de contribuír a satisfacer necesidades e inquedanzas sociais de primeiro orde”.

Así mesmo, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Imma Aguilar, incidiu no apoio a este proxecto que segundo dixo enmárcase dentro dos obxectivos da fundación de “catalizar, impulsar a conexión entre a ciencia e a diversidade”. “Temos o reto de facer unha ciencia inclusiva para todas as persoas e é un orgullo apoiar este proxecto”, engadiu.

Uns apoios que agradeceu tamén a presidenta de ASPACE Coruña, María del Carmen Barreiro Santos, quen sinalou que Talentos Inclusivos é “unha oportunidade para amosar as grandes capacidades que teñen as persoas con parálise cerebral, porque o talento non entende de barreiras” e agradeceu a implicación do profesorado e alumnado.
Para rematar a presentación da terceira edición, o subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, xunto ao fisioterapeuta de ASPACE Coruña, Rubén Carneiro, fixeron balance do traballo realizado anos anteriores, nos que chegaron a 280 estudantes de 11 centros de ensinanza coruñeses e afondaron nas propostas e os retos a afrontar este curso 2022-23. Tamén achegaron a súa experiencia en canto á participación no proxecto dúas usuarias de ASPACE Coruña e representantes do alumnado dun centro educativo implicado na edición anterior.

Talentos Inclusivos

O proxecto ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre o alumnado de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á diversidade funcional. Para iso, en cada edición, créanse grupos de traballo colaborativos formados por persoas usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de centros educativos da provincia, apoiados polo seu profesorado e persoal investigador do CITIC. As persoas usuarias de ASPACE Coruña propoñen diferentes retos tecnolóxicos, atendendo ás necesidades prioritarias que eles detectan, para ser solucionados por parte do alumnado.
Produtos de apoio con impresión 3D, acceso ao ordenador e ao móbil, comunicación, fogar intelixente, rehabilitación e ocio son as áreas de traballo nas que os alumnos desenvolverán ferramentas e solucións TIC concretas.