R e as universidades de A Coruña e Vigo revalidan a súa aposta pola Cátedra R en Ciberseguridade un ano máis
31/03/2023 – CITIC
Os reitores das Universidades da Coruña (UDC) e de Vigo (UVIGO), Julio Abalde e Manuel J. Reigosa respectivamente, xunto a Alfredo Ramos, director de R, asinaron esta mañá na sede coruñesa do operador galego o convenio para a renovación da Cátedra R en Ciberseguridade, a primeira cátedra interuniversitaria galega que se creou en 2018 para responder ás crecentes necesidades de coñecemento desta materia na sociedade e na empresa, parellas ao desenvolvemento progresivo das novas tecnoloxías.
A Cátedra R en Ciberseguridade, hoxe renovada, introduce esta vez unha novidade substancial no seu programa de actividades, pois dende agora entre elas figurará a promoción e fomento da contratación de prácticas curriculares e extracurriculares do alumnado.
Ao tempo, a Cátedra R mantén intactos os alicerces que a sosteñen dende hai máis de catro anos para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. A meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.
Trátase dunha cátedra pioneira que abriu as portas á colaboración entre universidades do territorio autónomo, dispostas esta vez a traballar de xeito conxunto co operador galego R na da seguridade dixital.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel j. Reigosa, transmitiu a súa satisfacción por “formar parte dunha alianza público-privada na que se xuntan as universidades da Coruña e Vigo, onde temos importantes centros de investigación relacionados coas TIC en xeral, e contamos con especialistas de recoñecido prestixio a nivel internacional. De feito, “a cátedra xa ten amosado ser unha ferramenta excelente para combinar as capacidades en I+D+i dos tres axentes que formamos parte desta alianza”.
Á súa vez, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, agradeceulle á empresa R que respalde a continuidade das accións promovidas con esta Cátedra R e celebrou que ese cartafol se amplíe arestora incluíndo, nas dúas universidades, prácticas para estudantes, actividades “fundamentais de cara a que o alumnado poida desenvolver o seu perfil profesional nutríndose da realidade laboral”. Ademais, resaltou a relevancia do apoio da Cátedra R ao fomento da investigación e a innovación en seguridade dixital nun contexto de incremento dos delitos a través de Internet.
Paralelamente, Alfredo Ramos asegurou que “para R segue sendo unha noticia magnífica darlle percorrido a este traballo compartido coas universidades da Coruña e de Vigo, unha iniciativa que ten marcado un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas. Queda aberto o camiño para que o público e o privado traballen conxuntamente a prol da divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade, afondando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións. A súa relevancia -engadiu Ramos- evidénciase de xeito exponencial nos últimos tempos, actualmente na conxuntura de guerra en Europa e a crise económica derivada dela. Temos que seguir traballando para garantir a seguridade dixital de particulares e empresas; e a Cátedra R é unha vía idónea para realizar con excelencia este obxectivo”.
Prácticas en R e máis ciber-retos.
As universidades galegas e máis R deseñaron unha Cátedra á que agora lle dan continuidade incorporando o capítulo das prácticas curriculares e extracurriculares en R. Trátase de dúas bolsas anuais para a Facultade de Enxeñaría Informática da UDC e outras dúas para a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de UVIGO dirixidas a estudantes de Grao e de Máster, que poden incluír a realización do traballo de fin de grao ou de fin de máster (TFG ou TFM). A idea é capacitar profesionalmente os/as alumnos/as realizando esas prácticas en R baixo a dirección e supervisión dun/dunha titor/a académico/a do centro onde realizan os seus estudos. Para afrontar estes novos proxectos, a dotación económica da Cátedra R aumenta nun 50 % con respecto á edición anterior. Así, a Cátedra R revalida, por unha banda, a súa vocación de abertura a novas liñas de actuación e, por outra, a vixencia das actividades que a fundamentan (formación, divulgación e investigación).
Ademais, mantense o patrocinio das Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade (XNIC), que este ano celebrarán a súa VIII edición no mes de xuño para promover, coma sempre, o contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica e de investigación, por unha banda, e profesionais e empresas por outra.
A Cátedra R seguirá igualmente organizando o concurso Capture The Flag (CTF), o reto de ciberseguridade onde compiten profesionais e/ou estudantes que poñen a proba os seus límites, habilidades e destrezas para resolver os desafíos presentados. A segunda edición de CTF celebrouse esta mesma semana no CITIC coruñés con participación telemática de estudantes do máster de Ciberseguridade de Vigo.
Ciberseguridade, materia troncal dos novos tempos
A seguridade informática é un terreo que se converteu en imprescindible en poucos anos, tanto a nivel particular como empresarial ou institucional, pois compromete cuestións tan sensibles como a privacidade, a protección dos datos de corporacións de todo tipo e mesmo segredos de Estado, por citar tan só algúns exemplos da amplitude de implicacións que o termo conleva. A ciberseguridade aféctalle ao software (bases de datos, metadatos, arquivos…), o hardware (equipamentos) e todo o que, relacionado coa información contida nos sistemas dunha organización, supoña para ela un risco no caso de chegar a mans de terceiros, converténdose moitas veces, deste xeito, en información privilexiada.
Por iso, para as empresas a ciberseguridade xa non é unha cuestión optativa nin un plus ou complemento das súas actividades senón un deber que, de non coidarse adecuadamente, pode comprometer mesmo a continuidade do propio negocio. E, paralelamente, para as persoas, que só con prácticas ‘ciberseguras’ serán quen de protexer a súa intimidade e de evitar, por exemplo, a manipulación fraudulenta dos seus datos persoais e sensibles.
Nunha contorna cada vez máis dixital tanto en ámbitos persoais como profesionais, é imprescindible a formación das persoas como cidadáns e cidadás dixitais responsables, comezando mesmo dende a educación Primaria e Secundaria, como xa reclaman voces do sector dun tempo para acó. Trátase, en suma, de potenciar o coñecemento do universo da seguridade informática para fomentar vocacións que se converterán nos nosos/as profesionais da ciberseguridade nun futuro xa presente.