Reflexión crítica sobre retos e oportunidades da Intelixencia Artificial este venres nas xornadas de “IA. Nesgos de Xénero e Oportunidades para a Igualdade”
11/10/2022 – CITIC
- No encontro, que terá lugar no Salón e Graos da Facultade de Dereito da UDC, varias relatoras de diversos ámbitos académicos analizarán os nesgos que atravesan os algoritmos e o seu potencial transformador
- As inscricións, de balde ata completar aforo, poden realizarse no seguinte enlace: https://bit.ly/nesgosIA
A “Intelixencia Artificial. Nesgos de Xénero e Oportunidades para a Igualdade” é o título das xornadas que terán lugar este venres 14 de outubro, na Facultade de Dereito da Universidade da Coruña, en cuxa organización participa a investigadora do CITIC-UDC, Laura Morán. Trátase dun encontro que se enmarca dentro das actividades do proxecto “Dereito de Marcas e Intelixencia Artificial (MARIA)” financiado pola Axencia Estatal de Investigación, que busca fomentar a reflexión crítica respecto do uso da IA, os nesgos que atravesan os algoritmos máis tamén o seu potencial transformador. As persoas que desexen participan poden facer a súa inscrición de balde no seguinte enlace: https://bit.ly/nesgosIA.
As xornadas comezarán ás 10:00 h co relatorio da catedrática e coordinadora do grupo de investigación LIDIA da UDC, Amparo Alonso Betanzos, sobre a “A Intelixencia Artificial e a súa capacidade transformadora do mundo”. Ao longo da mañá terán lugar varias exposicións nas que se analizarán temas como as marcas e a intelixencia artificial, o dereito mercantil dende unha perspectiva de xénero ou a automatización intelixente no sector público, entre outros.
O encontro conta co financiamento da Universidade da Coruña, a través da convocatoria de Axudas para o desenvolvemento das Xornadas; o Campus Innova, o CITIC, a Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía; o Centro de Estudos de Xénero e Feministas-CEXEF e a Xunta de Galicia a través do Grupo de potencial crecemento Empresa, Consumo e Dereito.