CITIC

Resultados do estudo piloto Design2Freedom no CITIC: estudantes da UDC buscan solucións innovadoras inclusivas

05/05/2025 - CITIC
  • O 6 de maio, estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional presentarán propostas para mellorar a vida cotiá de persoas con diversidade funcional
  • A xornada de presentación na UDC marca o peche do estudo piloto do proxecto Design2Freedom, organizado polo grupo Talionis do CITIC
  • O proxecto fomenta a creación de equipos mixtos de traballo entre estudantes, persoas con diversidade funcional e profesionais de distintas áreas

A Coruña, 05 de maio de 2025.O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acollerá o martes a xornada de presentación de resultados do estudo piloto do proxecto Design2Freedom.

O proxecto, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), atópase na fase de desenvolvemento dos pilotos en cada unha das Universidades participantes: Vilniaus Kolegija – VIKO (Lituania), Technicka Univerzita v Kosiciach – TUKE (Eslovaquia) e Universidade da Coruña – UDC (España).

Design2Freedom ten como obxectivo crear unha contorna de aprendizaxe inclusiva, que non só eduque, senón que tamén capacite aos estudantes para desenvolver produtos e servizos accesibles e centrados nas persoas.

Ao longo de dous meses, estudantes de primeiro curso do Grao en Terapia Ocupacional da UDC traballaron en equipos multidisciplinares para desenvolver solucións tecnolóxicas aos desafíos cotiáns expostos por persoas con diversidade funcional.

Juan Ramón, Sonia e Jose, desde COGAMI, e Jorge, Joan e José Luis, desde ASPACE Coruña, compartiron preocupacións da súa vida cotiá que lles supoñen un desafío para poder participar en igualdade. O estudantado tivo a oportunidade de colaborar con eles/as e con profesionais e estudantes de diferentes disciplinas (Enxeñería en Informática, Educación, Logopedia e Traballo Social) para tentar buscar solucións innovadoras a estes retos diarios.

Entre as propostas que se presentarán destacan unha rampla portátil que permite salvar chanzos de ata 10 cm a persoas usuarias de cadeira de rodas, ou un cubilete de dados que permite xogar a xogos de mesa a calquera persoa, independentemente da súa mobilidade. As propostas que se presentarán nesta xornada tentarán dar resposta a estas e a outras cuestións relacionadas.

Durante a presentación, haberá un xurado mixto con representación do Concello da Coruña, da UDC, ASPACE e COGAMI, que avaliarán a calidade da aprendizaxe e farán entrega do recoñecemento ás solucións máis inclusivas e innovadoras.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).