CITIC

Ricardo Cao participa nunha sesión científica sobre a resposta da comunidade matemática ante o COVID-19

02/03/2021 – CITIC

O investigador do CITIC Ricardo Cao participará o vindeiro mércores 3 de marzo na sesión científica “Resposta da comunidade matemática ante a pandemia de COVID-19”, organizada pola Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España.

Ricardo Cao, como presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus, fará un percorrido por algunhas das iniciativas postas en marchas pola entidade, creada polo Comité Español de Matemáticas (CEMat) o pasado ano.

No seu relatorio, o investigador comentará a acción de predición cooperativa, as propostas metodolóxicas para a realización dun estudo de prevalencia, os esforzos de modelización levados a cabo para a etapa de volta á normalidade, así como as colaboracións actualmente en marcha co Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias Sanitarias (CCAES) en materia de modelización estatística da saturación hospitalaria e da avaliación do impacto de medidas non farmacéuticas (NPI) no control da evolución da pandemia.

Tamén se incluirán algunhas reflexións sobre os problemas postos de manifesto en relación cos datos da pandemia. Para rematar, daranse unhas breves pinceladas sobre algúns proxectos nos que o grupo de investigación coordinado por Ricardo Cao tomou parte: COVIDBENS, COVIDRES, CEDCOVID e a colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia.

A sesión será retransmitida en directo a través da canle de Youtube da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.