Investigadores do CITIC participan no acto organizado pola GAIN “Investigando xuntos para vencer ao covid-19”
22/09/2020 – CITIC
Investigadores do CITIC participan no acto organizado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), que terá lugar este venres 25 de setembro. No evento, baixo o título “Investigando xuntos para vencer ao covid-19”, participarán os investigadores principais dos proxectos máis relevantes da loita contra o covid-19 que se están levando a cabo en Galicia. En concreto, acudirán ao acto os investigadores Ricardo Cao e José Santos Reyes.
O obxectivo do evento é fortalecer as relacións de colaboración entre os distintos organismos de investigación galegos que están a desenvolver proxectos sobre a enfermidade e o virus, ademais de contribuír a posicionar a investigación galega dende a divulgación científica.
Ricardo Cao fará unha exposición do traballo “Ciencia e enxeñería de datos para a avaliación, predición poboacional e personalizada da evolución da enfermidade COVID-19”. Pola súa banda, José Santos Reyes expoñerá o traballo “Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de intelixencia artificial”.