CITIC

Richard Duro nomeado Vicepresidente para Conferencias e Actividades Técnicas da Internacional Neural Network Society

04/11/2020 – CITIC

O investigador do CITIC Richard Duro ven de ser nomeado Vicepresidente para Conferencias e Actividades Técnicas da International Neural Network Society (INNS). Trátase da sociedade científica internacional  máis antiga no campo das redes neuronais artificiais e conta con membros de todo o mundo. Ademais, en decembro de 2019 foi reelixido por terceiro ano consecutivo para formar parte do Board of Governors desta sociedade para os anos 2020, 2021 e 2022.

A International Neural Network Society é unha das organizacións líderes no seu campo e reúne a investigadores, profesores, profesionais e estudantes que loitan polo avance das redes neuronais e a ciencia computacional.

Richard Duro centra o seu traballo como investigador na robótica autónoma e cognitiva e na aplicación de aproximacións intelixentes á resolución de problemas en diferentes campos da enxeñería.