Seis investigadores do CITIC da UDC, entre os científicos máis influentes do mundo segundo a clasificación da Universidade de Stanford
- A World’s Top 2% Scientist List está considerada como unha das máis prestixiosas do mundo.
A Coruña, 18 de novembro de 2024 – Seis investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña destacan este ano pola inclusión na prestixiosa lista “World’s Top 2% Scientist List” da Universidade de Stanford. Esta clasificación internacional, unha das máis recoñecidas a nivel mundial, identifica o 2% dos científicos máis influentes en todas as áreas do coñecemento, e baséase na análise de citas e produción científica recollidas na base de datos Scopus, proporcionada por Elsevier.
Os investigadores do CITIC recoñecidos pola súa traxectoria e influencia científica global son Tiago M. Fernández Caramés, Verónica Bolón Canedo, Alejandro Pazos Sierra, Paula Fraga Lamas, Diego Darriba López e Amparo Alonso Betanzos. Estes recoñecementos evidencian o impacto do CITIC en áreas estratéxicas como a intelixencia artificial, o aprendizaxe automático e as tecnoloxías habilitadoras, facendo do centro un referente na investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e reforzando o papel da UDC na comunidade científica mundial.
A listaxe de Stanford ofrece dúas clasificacións: unha baseada na traxectoria profesional completa dos investigadores, e outra centrada nos logros do último ano. Na primeira, recoñécense figuras de alto prestixio internacional como Alejandro Pazos e Amparo Alonso Betanzos, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, así como Tiago M. Fernández Caramés e Paula Fraga Lamas, do Departamento de Enxeñaría de Computadores, entre outros membros do CITIC.
Os seis investigadores do CITIC forman parte dos 23 membros da UDC incluidos na “World’s Top 2% Scientist List”, o que reafirma a súa posición como un referente en ciencia e tecnoloxía e impulsa o impacto da súa produción científica a nivel global.