
Software intelixente para desenvolvemento industrial no congreso internacional Softtware Product Line Conference
- O encontro, que se celebra ata hoxe na Facultade de Informática da UDC e conta coa asistencia de máis de 60 especialistas, analiza as diferentes liñas de software e as súas aplicacións a diversos sectores crave da nosa economía como agricultura, márketing dixital ou automoción
A Facultade de Informática da UDC acolleu durante toda esta semana a International Software Product Line Conference (SPLC 2025), congreso mundial no que especialistas de diferentes países analizan a investigación e aplicación industrial das liñas de produto software, un enfoque crave para o desenvolvemento de sistemas complexos. Poñer en común a perspectiva da investigación e a docencia coa de fabricantes e deseñadores é o obxectivo da cita.
O programa do encontro, patrocinado polo CITIC, inclúe conferencias sobre diferentes áreas de actividade como a forma na que a intelixencia artificial pode axudar a deseñar e mellorar sistemas informáticos complexos, como optimizar o seu rendemento e como facer unha adaptación ás distintas necesidades de maneira máis sinxela.
Tamén se presentaron exemplos de uso en ámbitos moi diversos, desde a agricultura intelixente ata o márketing dixital ou a automoción, mostrando o impacto que estas tecnoloxías teñen xa en sectores crave da nosa economía.
O programa científico abarca 46 contribucións, que se distribúen entre relatorios de investigación, casos de aplicación industrial, artigos de relevancia previamente publicados, o simposio doutoral, sesións de demostracións e ferramentas, titoriais e talleres especializados.
Onte, os participantes da International Software Product Line Conference e o reitor da UDC, Ricardo Cao, acudiron a unha recepción no Concello da Coruña, onde foron recibidos pola concelleira Nereida Canosa.