Solucións tecnolóxicas para persoas con parálise cerebral da man de ASPACE Coruña e o IES Plurilingüe Eusebio da Guarda
- O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC e ASPACE Coruña continúa o seu desenvolvemento probando retos TIC in situ
As instalacións de ASPACE Coruña en Sada acolleron hoxe unha xornada sobre a parálise cerebral dirixida a un grupo de 12 estudantes de 4º da ESO do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) que participan no proxecto Talentos Inclusivos. Durante a visita, os usuarios de ASPACE Coruña puideron comprobar o funcionamento dalgunhas das solucións TIC desenvolvidas polo alumnado a petición de Aspace, como un soplador de velas adaptado e unha mesa portátil para unha cadeira de rodas.
A xornada, na que participaron tamén representantes do CITIC da UDC e de ASPACE Coruña, contou coa visita da directora xeral de Innovación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Judith Fernández Novoa.
Talentos Inclusivos é un proxecto colaborativo posto en marcha polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña e ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral), co apoio do Consello Social da Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, a FECYT (Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e a Xunta de Galicia. O proxecto ten o dobre obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, á súa vez, dar visibilidade á discapacidade. Para iso, creáronse grupos de traballo colaborativos formados por usuarios e usuarias de ASPACE Coruña e estudantes de centros educativos da Coruña, apoiados polo seu profesorado e persoal investigador do CITIC. Así, os usuarios e usuarias de ASPACE Coruña propoñen diferentes retos tecnolóxicos para ser solucionados por parte do alumnado.