CITIC

Susana Ladra é elixida vicepresidenta do CPEIG

12/12/2019

A investigadora do CITIC e directora do Campus Innova, Susana Ladra, foi nomeada vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en cuxo órgano de goberno tamén se atopa o investigador José Manuel Vázquez Naya como vogal. A candidatura, presidida por Fernando Suárez, foi a única presentada, polo que se proclamou electa o pasado 23 de novembro.

O obxectivo principal do novo equipo é o de “continuar traballando na regulación profesional, dado o crecente impacto da actividade da Enxeñaría en Informática na sociedade actual, facendo especial fincapé nas áreas nas que a seguridade física e xurídica das persoas está en xogo”. Ademais, a liña estratéxica tamén pasará por “seguir traballando coas administracións públicas para a modernización da xestión administrativa; soster a colaboración co sector persoal para o progreso e dixitalización de produtos e procesos; incentivar a colaboración coas universidades na adaptación e actualización dos plans de estudo; fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, en especial entre as rapazas; manter o colexio como fonte informativa para as noticias tecnolóxicas nos medios de comunicación e mellorar a presenza e utilización da lingua galega no uso de Internet e redes sociais”.