
Susana Ladra incorpórase á Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia
- Susana Ladra, investigadora do CITIC, e Ana Jesús López, do CITENI, incorpóranse a este órgano de asesoramento en materia de igualdade na ciencia e na tecnoloxía galegas.
A Coruña, 23 de maio de 2025. – Coincidindo coa reunión da Unidade de Muller e Ciencia promovida pola Xunta de Galicia, fíxose efectiva a incorporación como vogais das docentes e investigadoras da UDC Susana Ladra e Ana Jesús López. Esta unidade, impulsada polo goberno autonómico, actúa como órgano colexiado de asesoramento en materia de igualdade.
Susana Ladra González, docente da área de Linguaxes e Sistemas Informáticos e investigadora do CITIC, incorpórase como experta no ámbito científico e tecnolóxico por proposta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Pola súa parte, Ana Jesús López Díaz, docente da área de Enxeñaría Mecánica e investigadora no CITENI, incorpórase tamén como experta no ámbito científico e tecnolóxico, por proposta da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Para Susana Ladra, formar parte deste órgano representa “unha honra e unha responsabilidade. Reflicte o meu compromiso coa construción de contornos científicos máis inclusivos e equitativos. É fundamental incorporar a perspectiva de xénero na ciencia e na tecnoloxía como chave para eliminar os sesgos e avanzar cara a unha innovación máis xusta e representativa.”
A Unidade de Muller e Ciencia de Galicia
A Unidade de Muller e Ciencia de Galicia foi creada pola Xunta de Galicia co obxectivo de dinamizar e transformar o eido científico e tecnolóxico galego desde unha perspectiva de xénero, promovendo a igualdade entre mulleres e homes e rachando cos estereotipos de xénero.
Resulta prioritario deseñar e promover políticas científicas, tecnolóxicas, educativas e sociais que corrixan os desequilibrios entre investigadoras e investigadores. Unha maior presenza de mulleres na investigación contribuirá a enriquecer a actividade científica coa achega de novas perspectivas.