CITIC

Susana Ladra recibe o premio “Ada Byron joven”

16/10/2020 – CITIC

A investigadora do CITIC Susana Ladra acaba de ser condecorada co premio “Ada Byron joven” que concede a Universidade de Deusto. Este galardón, dotado con 1.000 euros, ten o obxectivo de fomentar as vocacións femininas no campo da investigación e o desenvolvemento tecnolóxicos, prestixiar a importancia da tecnoloxía en todos os ámbitos da vida e para o desenvolvemento social, e dar valor ao traballo e logros por parte de mulleres.

Susana Ladra foi recoñecida entre un total de 54 candidaturas pola súa formación, actividade profesional no sector tecnolóxico, implicación en difusión social, capacidade de superación e participación en iniciativas para propiciar cambios cara unha maior igualdade.

Ademais de investigadora do CITIC, Susana Ladra é directora do Campus Innova da UDC e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Tamén é coordinadora do programa STEMbach na UDC, que ten como fin de promover a vocación do alumnado cara a investigación científica.

O premio deuse a coñecer como conmemoración do Día de Ada Lovelace, considerada a primeira programadora informática da historia.

Máis información