
Talento global en Galicia: estudantes do MIT investigarán IA aplicada a ciberseguridade e saúde no CITIC da UDC
- Catro estudantes do prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT) realizarán estancias no centro TIC da UDC, nunha iniciativa que forma parte da estratexia de internacionalización e excelencia académica do centro
- Os mozos integraranse en equipos estratéxicos do CITIC, colaborando en proxectos de vangarda que abarcan desde algoritmos para análise médica do soño ata solucións avanzadas en ciberseguridade
A Coruña, 5 de xuño de 2025.- Catro estudantes do prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT) realizarán estancias de investigación durante este 2025 no CITIC da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación.
Esta iniciativa forma parte da estratexia de internacionalización do CITIC e contribúe a consolidar á comunidade investigadora galega como un destino académico de excelencia, ao desenvolverse da man do programa MIT International Science and Technology Initiatives (MISTI) Spain. A chegada deste grupo á Coruña marca un fito na capacidade do ecosistema galego para atraer talento internacional altamente cualificado e posiciona ao CITIC como referente na investigación en intelixencia artificial, ciberseguridade e tecnoloxías aplicadas á saúde.
O acto de benvida tivo lugar este mércores 4 de xuño por parte do equipo directivo do CITIC, encabezado polo seu director, Manuel G. Penedo, quen destacou que “esta colaboración co MIT reforza a nosa aposta pola excelencia investigadora e proxéctanos internacionalmente como un centro atractivo para o talento novo máis punteiro”. Esta xornada de benvida incluíu unha presentación institucional e un percorrido guiado polas instalacións do centro.
Participación activa en proxectos estratéxicos do CITIC
Os catro estudantes, seleccionados pola súa excelencia académica e experiencia investigadora, integraranse completamente en equipos do CITIC e colaborarán en proxectos punteiros aliñados coas liñas estratéxicas do centro.
Así, Juan Carlos Santiago, estudante de Intelixencia Artificial e Toma de Decisións no MIT, integrarase no grupo LIDIA, titorizado por Eduardo Mosqueira Rey, para colaborar no proxecto NEXT-GEN-SOMNUS, enfocado no desenvolvemento de algoritmos de aprendizaxe automática aplicados á análise de rexistros médicos do sono, no que traballará con Diego Álvarez Estévez, investigador Ramón y Cajal o CITIC. Ten experiencia en machine learning clínico, computación na nube e proxectos de investigación con Blue Origin
Pola súa banda, os outros tres estudantes do MIT incorporaranse ao grupo RNASA-IMEDIR e estarán titorizados por Jose Vázquez Naya e Rubén Pérez Jove e traballarán no proxecto Building AI-Driven Solutions based on LLMs for the Future of Cybersecurity, no que estudarán a aplicación de novos modelos de IA, similares aos usados por ChatGPT ou Gemini, ao campo da ciberseguridade. Concretamente estudarán a súa aplicación á monitoraxe e análise do tráfico de rede, co obxectivo de detectar ameazas e ataques, facendo así as nosas redes máis seguras.
Trátase de Ishanvi Kommula, estudante en Enxeñaría e Ciencias da Computación e Matemáticas Aplicadas, con experiencia investigadora en privacidade diferencial e modelos de linguaxe (LLMs), enfocados en mellorar a súa usabilidade sen comprometer a seguridade dos datos. Tamén se incorpora a este grupo de investigación Jaime Sebastian Punyed, estudante de Enxeñaría Eléctrica e Ciencias da Computación con dobre titulación en Matemáticas Xerais no MIT, cunha sólida formación en seguridade informática, arquitectura de computadores e computación cuántica. O terceiro estudante do MIT que traballará o proxecto Building AI-Driven Solutions based on LLMs for the Future of Cybersecurity é Jace Lopez, que cursa Ciencias da Computación e Matemáticas e ten experiencia en programación, aprendizaxe automática e procesamento de datos, destacando o seu traballo no Laboratorio do Reactor Nuclear do MIT.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).