
Talentos Inclusivos amosa na OSHWDem o potencial da tecnoloxía aberta para mellorar a vida das persoas con discapacidade
A Coruña, 6 de outubro de 2025. A Domus acolleu este sábado unha nova edición da OSHWDem, a feira de robótica e tecnoloxías abertas que cada ano organiza a asociación BricoLabs co obxectivo de achegar a innovación ao público familiar. Na súa sexta edición, o evento reuniu máis de 150 proxectos procedentes de España e varios puntos de Europa, incluíndo demostracións, competicións de robots, conferencias e unha ducia de talleres que se estenderán ata o mes de decembro.
Entre as iniciativas destacadas, o proxecto Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, voltou ter unha presenza relevante mostrando varios dos seus retos desenvolvidos en edicións anteriores. No espazo expositivo puidéronse ver un taboleiro de pictogramas e unicornios realizados en impresión 3D, exemplos de como a tecnoloxía aberta pode mellorar a comunicación e a autonomía das persoas con discapacidade.
Ademais, persoal investigador do CITIC presentou diversas experiencias tecnolóxicas centradas na accesibilidade e na inclusión. Entre elas, xogos de adestramento cognitivo mediante realidade virtual, presentados por Iago Fernández; unha demostración de “Switch Mario Kart”, cunha adaptación do mando para o seu control a través do tronco ou da cabeza, desenvolvida por Paula Santos; e “Compra con-migo”, un xogo personalizado deseñado por Jorge Rivadulla para fomentar a autonomía en tarefas cotiás. Tamén se realizou unha demostración de pintura con un produto de apoio de cabeza, que puxo de relevo o potencial da tecnoloxía inclusiva aplicada á arte.
“OS HWDem é un exemplo de como a tecnoloxía pode ser accesible, creativa e transformadora. Iniciativas como Talentos Inclusivos amosan que a innovación aberta pode ter un impacto real na vida das persoas”, destacou Irene Brage, Project manager de Talentos Inclusivos.
Pola súa banda, Paula Santos-Dorrego subliñou que “a adaptación de mandos ou ferramentas de xogo abre un novo horizonte de participación e lecer inclusivo, permitindo que todas as persoas poidan gozar da tecnoloxía en igualdade de condicións”.
A OSHWDem, consolidada como unha das maiores feiras de tecnoloxía aberta do noroeste peninsular, reafirma así o seu compromiso coa educación, a creatividade e a inclusión, ofrecendo un punto de encontro entre a comunidade maker, os centros educativos, a investigación universitaria e a cidadanía.