CITIC

Talentos Inclusivos chega á VI edición: innovación con impacto real dende as aulas galegas

05/11/2025 - CITIC
  • O Museo Domus da Coruña acolle a presentación da VI edición, que reúne 15 centros escolares de Galicia.
  • Desenvolveranse proxectos TIC orientados a fogar accesible, xogos e lecer inclusivos e apoio á rehabilitación, entre outros.
  • Inditex súmase por primeira vez a esta iniciativa para impulsar proxectos tecnolóxicos que favorezan a inclusión das persoas con discapacidade

A Coruña, 5 de novembro de 2025. O programa Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, celebrou hoxe no Museo Domus da Coruña o acto de apertura da súa sexta edición.

Trátase dunha iniciativa que promove a inclusión social a través da ciencia e a tecnoloxía e que acumula recoñecementos nacionais e internacionais. Como sinal de identidade do CITIC, o programa afonda no compromiso do centro con proxectos de alto compoñente social, que favorecen a integración das persoas con discapacidade, sensibilizan á cidadanía e impulsan unha ciencia ao servizo da comunidade.

Nesta edición, o programa contará por primeira vez coa colaboración de Inditex, a través da colaboración dun grupo de profesionais especializados en tecnoloxías da información e a comunicación, que traballarán co alumnado e coas entidades sociais para deseñar e poñer en marcha solucións tecnolóxicas que dean resposta a retos reais que afrontan no seu día a día as persoas con discapacidade.

A participación do equipo de profesionais voluntarios de Inditex permitirá achegar coñecemento técnico e experiencia profesional ao proceso educativo, fomentando unha aprendizaxe práctica e colaborativa, e poñendo a tecnoloxía ao servizo da inclusión.

Esta colaboración busca aproveitar o potencial da colaboración público-privada para impulsar un sector educativo de vangarda, promover a innovación e favorecer a inclusión do colectivo de persoas con discapacidade.

O programa conta co apoio do Consello Social da UDC, o Concello da Coruña, a FECYT, Inditex e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da Consellería de Política Social e Igualdade, e persegue fomentar as vocacións científicas entre o alumnado galego ao tempo que dá visibilidade á diversidade funcional. Nesta nova edición, 15 centros educativos de secundaria, bacharelato e Formación Profesional de toda Galicia traballarán en retos formulados por entidades colaboradoras do terceiro sector, como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella (Centro de Formación da Coruña), incorporada na edición anterior e focalizada no colectivo das persoas maiores.

A experiencia acumulada na V edición servirá de guía para os equipos, logo de desenvolver solucións tan diversas como unha aplicación visual con instrucións básicas para poñer en marcha os principais electrodomésticos do fogar, deseñada para apoiar a autonomía dunha persoa con Alzhéimer; un sistema de pictogramas impresos en 3D con taboleiro interactivo que, ao colocar cada peza, reproduce por voz a palabra correspondente; unha canastra para exterior adaptada para favorecer a práctica deportiva inclusiva; unha manta de peso con luces de uso terapéutico para estimulación sensorial; ou unha solución para abrir e pechar a billa con menor esforzo e maior seguridade, pensada para mellorar a accesibilidade en contornas domésticas.

Manuel G. Penedo, director do CITIC, subliñou que “chegamos á VI edición consolidando Talentos Inclusivos como un referente en innovación social e tecnolóxica feita dende as aulas. O crecemento do programa e o compromiso das entidades colaboradoras, permiten levar solucións reais a persoas e colectivos que as precisan”. Engadiu ademais que “a alianza entre centros educativos, entidades sociais e empresas reforza a transferencia de coñecemento e acelera o impacto no territorio”.

Pola súa banda, Javier Pereira, subdirector do CITIC e coordinador do proxecto, destacou “a oportunidade do alumnado para aplicar as TIC con fin social real, traballando con usuarios/as e profesionais que lles achegan unha perspectiva práctica, ética e inclusiva do uso da tecnoloxía”.

No acto interviñeron representantes das entidades e institucións colaboradoras —Xunta de Galicia, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Universidade da Coruña—. Ao longo da sesión, persoas usuarias de ASPACE Coruña, persoal investigador do CITIC e representantes do profesorado e do alumnado dos centros participantes compartiron experiencias e aprendizaxes das edicións anteriores.

Sobre Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto impulsado polo CITIC que se desenvolve ao longo do curso escolar, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía).  O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.

Para máis información, pode visitarse a web do proxecto: https://talentosinclusivos.citic.udc.es.

Sobre o CITIC 

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.  

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente”.