Talentos inclusivos, el programa del CITIC para acercar las TIC a las personas con diversidad funcional, protagonista en la Mobile Week Ourense
16/09/2022 – CITIC
Talentos Inclusivos é o programa que promove o CITIC para loitar contra a fenda dixital que lles afecta en Galicia ás persoas con diversidade funcional ou discapacidade.
O subdirector do centro, Javier Pereira, contou as claves deste proxecto, que camiña xa pola terceira edición, a todos os asistentes a esta cita coa tecnoloxía que coordina en Ourense o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), Fernando Suárez, e que acolle desde onte obradoiros, charlas, demostracións e sesións formativas.
Tecnoloxía e talento, binomio para a inclusión
Na primeira parte da charla presentáronse os resultados do traballo realizado no proxecto Talentos Inclusivos. Trátase dun proxecto realizado entre o CITIC da UDC, ASPACE Coruña (Asociación de Pais de Persoas con Parálise Cerebral) e a Consellería de Educación en 10 institutos galegos. As persoas con parálise cerebral expoñen algúns dos problemas cos que se atopan a diario e o alumnado dos institutos tenta darlles resposta desenvolvendo un proxecto tecnolóxico para eliminar esas limitacións. Presentáronse algúns dos proxectos, cunha demostración en directo:
- Dron controlado coa cabeza
- Coche robot que se conduce co movemento da man
- Coche eléctrico
- Xoguete infantil adaptado con botón
- Videoxogo Pong con botón de control adaptado
Mobile Week, contra a fenda dixital
A segunda edición da Mobile Week Ourense, que se celebra esta semana (entre o xoves 15 e o domingo 18 de setembro), ofrece máis de 70 actividades nun amplo programa que inclúe obradoiros, charlas, conferencias, demostracións e formación tecnolóxica. O obxectivo é achegar, “dun xeito accesible e amigable” os novos fenómenos TIC ao público infantil, á mocidade, ás familias, aos docentes, á poboación sénior e aos profesionais do sector. A Mobile Week Ourense xorde da alianza da Deputación provincial e Mobile World Capital Barcelona, para alcanzar un dos principais obxectivos desta iniciativa (loitar contra a fenda dixital achegando a tecnoloxía á cidadanía) a organización do evento apostou por “agrupar as actividades en torno a perfís e segmentos de idade concretos”. Pero, ademais, apunta Fernando Suárez, “procuramos encaixar estas accións de tal modo que cando o público infantil e xuvenil se interese por unha determinada tecnoloxía, os pais e os educadores tamén teñan acceso a eses avances para poder guiar e asesorar a fillos e alumnos”.
Nesta liña, no programa de actividades pódese comprobar como se mesturan as propostas, caso da aprendizaxe por gamificación (uso de xogos) e a Realidade Aumentada, ou o chamado VolunTIC, voluntariado tecnolóxico no rural.
Pais e educadores tamén teñen a oportunidade de profundar no impacto da tecnoloxía na adolescencia, cos riscos e oportunidades que implica, ou como educar contra as novas falsas.
Para os maiores, a programación foi deseñada pensando “nun punto de vista moi práctico e naqueles ámbitos que lles son máis interesantes”, sinala Fernando Suárez, citando cuestións como a seguridade nos móbiles, pautas de vida saudables, a tecnoloxía como medio para conseguir unha sociedade máis inclusiva, a teleasistencia ou a tramitación electrónica co DNI.