Talentos Inclusivos, primeiro premio en Innovación Social da X Maker Faire Galicia
O programa do CITIC da UDC “Talentos Inclusivos” segue sumando recoñecementos. Concretamente, esta pasada fin de semana outorgóuselle o primeiro premio en Innovación Social da Maker Faire Galicia, que conmemorou a súa décima edición. O galardón foi recollido polo equipo de CITIC-Talentos Inclusivos que participou neste evento, que impulsa a innovación social, artesanal e industrial e ofreceu charlas, talleres e presentacións de máis de 45 proxectos en categorías como Minimakers, Makers, Divulgación e Innovación Social.
Este ano, a feira científica estreou un formato innovador coa celebración de tres xornadas independentes. A primeira sesión abordou o emprendemento e a innovación social como temáticas principais. As actividades incluíron unha mesa inaugural con representantes das institucións organizadoras e concluíron coa entrega de premios e un concerto de clausura. Realizáronse un total de 14 charlas e mesas redondas con destacados expertos do sector, así como diversos talleres en tres zonas temáticas que abarcaron desde actividades lúdicas ata talleres de tecnoloxía avanzada e arte.
A X Maker Faire Galicia conta co apoio do Concello de Santiago, a Xunta de Galicia, Área Central, a Fundación Laboral da Construción e a Sionlla Biopolo, e organizouse de forma independente baixo a licenza de Make Community LLC, mantendo o seu compromiso de fomentar a creatividade, a innovación e o talento na comunidade maker.
Na caseta do CITIC presentouse o proxecto Talentos Inclusivos, así como outros desenvolvementos tecnolóxicos pensados para mellorar a vida das persoas con discapacidade. A investigadora do CITIC Paula de Santos presentou a adaptación do videoxogo Mario Kart para Nintendo Switch, coa que persoas con mobilidade reducida poden manexar o mando utilizando o tronco ou a cabeza. Pola súa banda, Jorge Rivadulla mostrou o xogo “Compra con-migo”, unha iniciativa impulsada polo investigador que pon o foco no desenvolvemento das habilidades cognitivas e psicomotrices das persoas con discapacidade.
Innovación inclusiva
Doutra banda, o pasado 28 de xuño celebrouse tamén en Santiago unha mesa redonda no centro comercial Área Central, no marco dos Xoves de ONCE Innova. Este evento, moderado por Cristian Sainz de Marles , contou coa participación de Covadonga Toca, directora do IGAPE da Xunta de Galicia; Irene Brage, Project Manager en Talentos Inclusivos do CITIC da UDC e Pablo Genúa Touriñán, xefe de Coordinación e Talento da DT Galicia da ONCE.
O debate centrouse na innovación inclusiva, abordada desde tres perspectivas crave: a académica, a dos afiliados e a da administración pública. Irene Brage, en representación do programa do CITIC Talentos Inclusivos, destacou a importancia deste proxecto para espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) entre mozas e sensibilizar sobre a realidade da discapacidade. Brage explicou como, a través de equipos colaborativos de estudantes de secundaria e bacharelato, trabállanse en solucións tecnolóxicas para retos propostos por persoas con parálise cerebral, promovendo así a inclusión e preparando a futuras xeracións para enfrontar desafíos sociais e tecnolóxicos cunha perspectiva máis ampla e empática.
Ambos os eventos subliñaron a importancia dos ecosistemas de innovación, que inclúen universidades, empresas, institucións gobernamentais e organizacións da sociedade civil. Estes ecosistemas son fundamentais para crear unha contorna onde as ideas poidan converterse en realidades tanxibles. Facilitando a colaboración multidisciplinar e o intercambio de coñecementos, promóvese un desenvolvemento máis inclusivo e sostible.