CITIC

Talentos Inclusivos recibe o premio Ciencia e Valores Humanos do concurso internacional “Ciencia en Acción”

28/10/2024 - CITIC
  • Trátase dun concurso internacional dirixido a estudantes, profesorado, investigadores e divulgadores da comunidade científica.
  • Desde a súa creación en 2020, o programa do CITIC da UDC foi incrementando o seu alcance, logrando a participación na súa última edición de 15 centros escolares de Galicia, máis de 500 estudantes, máis de 50 persoas con discapacidade e o desenvolvemento de 40 solucións tecnolóxicas.

A Coruña, 28 de outubro de 2024.- O proxecto Talentos Inclusivos do CITIC da Universidade da Coruña acaba de recibir un novo recoñecemento polo seu traballo á hora espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.  Nesta ocasión o proxecto do CITIC foi galardoado co primeiro premio ex aequo na categoría “Ciencia e Valores Humanos” do certame internacional Ciencia en Acción.

Ciencia en Acción é un concurso internacional dirixido a estudantes, profesores, investigadores e divulgadores da comunidade científica iberoamericana en calquera disciplina. O seu obxectivo principal é presentar a ciencia de forma atractiva e motivadora para fomentar o interese na ciencia, tanto nos mozos como no gran público. Durante a pasada semana, os proxectos finalistas exhibíronse en formato online, e a entrega de premios tivo lugar este pasado sábado.

Ciencia inclusiva

O programa do CITIC Talentos Inclusivos alcanzou un importante impacto nos seus catro anos de traxectoria. Ata a data, desenvolveu máis de 40 solucións tecnolóxicas deseñadas especificamente para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade, promovendo así un enfoque de ciencia inclusiva e ao servizo da comunidade. Na súa última edición, Talentos Inclusivos contou coa participación de 15 colexios de Galicia, involucrando a máis de 500 estudantes e 50 persoas con discapacidade, unha mostra do seu compromiso coa inclusión social e educativa. Este recoñecemento en Ciencia e Valores supón un novo impulso para Talentos Inclusivos, que seguirá traballando no desenvolvemento de proxectos innovadores e accesibles, contribuíndo así a unha sociedade máis inclusiva e sensibilizada cara ás necesidades de todas as persoas.

Sobre Ciencia en Acción

O concurso Ciencia en Acción ten unha longa traxectoria na divulgación científica en Iberoamérica, onde fomenta a creatividade e a paixón pola ciencia entre estudantes e profesionais. O seu obxectivo é inspirar ás novas xeracións e ao público en xeral a través de experiencias interactivas e accesibles, xerando así un interese duradeiro polo coñecemento científico.

Talentos Inclusivos

Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña)  e  ASPACE Coruña, e que conta co apoio da a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC;  o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.

O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.

A través deste proxecto, alumnos e alumnas de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE e APAMP.

Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/