CITIC

TALLER PRÁCTICO INTERFACES CEREBRO ORDENADOR INTRACORTICALES

14/05/2019

A Cátedra Handytronic – Grupo Telecon e o Máster en Bioinformática para Ciencias da Saúde, en colaboración co CITIC e a FIC, organizan o taller práctico “Interfaces Cerebro Ordenador  Intracoticales” que será impartido por Juan Álvaro Gallego, investigador do  Neural and Cognitive Engineering Group do CSIC. Terá lugar o 14 de maio na aula 04. W. da Facultade de Informática.

A presentación desta acción formativa correrá a cargo de Javier  Cudeiro, catedrático da UDC e coordinador do Grupo Neurocom e director do Centro de Estimulación Cerebral de Galicia.

A  incripción é aberta e gratuíta para todo aquel que estea interesado na temática: REXISTRO

CONTIDOS

A día de hoxe, millóns de persoas en todo o mundo sofren enfermidades neurolóxicas como a lesión medular, a enfermidade de Parkinson, ou os accidentes cardiovasculares. Todas estas enfermidades impactan nas funcións  sensorimotoras dos pacientes que as sofren, deixándolles incapacitados. Desde hai décadas, varios grupos de investigadores desenvolveron interfaces cerebro-ordenador ( BCI, polas súas siglas en inglés) que teñen como obxectivo substituír, ou mesmo restaurar, estas capacidades perdidas. Existen varios tipos de  BCIs, pero a idea é sempre traducir a “vontade” do paciente en sinais de control que lle permitan interactuar co mundo a través dalgún dispositivo robótico.

Este taller céntrase no uso de rexistros intracorticales para monitorar a actividade simultánea de centos de neuronas no cerebro, e a súa aplicación en  BCIs para controlar un cursor de computador, un brazo  robótico, ou mesmo os membros paralizados do paciente. Ademais, veremos como estes mesmos principios pódense usar para proporcionar información sensorial ao paciente, ou mesmo para favorecer a súa curación “guiando” a formación de novas conexións entre neuronas. Para iso, discutiremos unha serie de estudos en modelos animais e en pacientes, e realizaremos unha pequena simulación usando datos reais de centos de neuronas rexistradas en macacos para controlar un  cursor de computador.

PROGRAMA

17:30h Introdución ao estudo da actividade neuronal. Dr. Javier Cudeiro.

18:00h Fundamentos do procesado con MatLab/Octave. Posta a punto de equipos

18:20h Taller práctico de procesado de sinais

20:00h Clausura e entrega de certificados de asistencia

REQUISITOS

Non é preciso dispoñer de experiencia previa na temática do curso

Para asistir ao curso é preciso inscribirse previamente e asistir con computador e Matlab/ Octave instalado.

As instrucións para a descarga, configuración e execución de Matlab están dispoñibles na Wiki da Facultade de Informática.

Máis información: https://catedra.handytronic.fic.udc.es/taller-interfaces-cerebro-maquina/