Tecnoloxía e realidade virtual para frear o Alzheimer
- O subdirector do CITIC da UDC, Javier Pereira defendeu a importancia dun modelo de prevención con enfoque multimodal durante a súa participación nos actos do XXX aniversario da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO).
A Coruña, 03 de decembro de 2025.- O subdirector do CITIC da Universidade da Coruña, Javier Pereira, defendeu a importancia dun modelo preventivo do Alzheimer baseado nun enfoque multimodal que combine estimulación cognitiva, exercicio físico, interacción social e emocional e, moi especialmente, o uso de ferramentas tecnolóxicas e terapias non farmacolóxicas. Así o explicou durante a súa intervención na mesa redonda “Programas preventivos – Terapias non farmacolóxicas”, celebrada no marco do 30º aniversario da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (AFACO). Javier Pereira destacou que as novas tecnoloxías permiten “personalizar, medir e axustar” as intervencións cunha precisión difícil de alcanzar mediante métodos tradicionais.
Durante a súa intervención presentou os avances dos seus desenvolvementos baseados en Realidade Virtual Inmersiva, orientados a reforzar a autonomía, a estimulación cognitiva e a rehabilitación motora. Entre as solucións mostradas atópanse simulacións de actividades da vida diaria, adestradores de forza de man, xogos cognitivos, sistemas de movemento cativo e contornas virtuais como o Horto VR ou o Supermercado 4.0. Estas ferramentas apóianse en hardware adaptado e plataformas de monitoraxe que permiten axustar cada intervención ás necesidades reais dos usuarios.
Os participantes na mesa coincidiron en remarcar que a prevención debe comezar antes de que aparezan síntomas claros, adiantándose á deterioración e evitando que as intervencións se limiten a fases avanzadas da enfermidade. Así mesmo, Javier Pereira sinalou tamén a relevancia da monitoraxe do movemento, a sensorización ambiental, a neuromodulación non invasiva e as plataformas dixitais de apoio ao persoal coidador como elementos fundamentais dunha estratexia preventiva moderna. A tecnoloxía desenvolvida xa está implantada en 18 centros galegos, onde se aplica con resultados positivos en motivación, participación e mantemento de capacidades.
A xornada puxo de manifesto que a combinación de terapias non farmacolóxicas e tecnoloxías emerxentes ofrece unha vía prometedora para atrasar ou mitigar a progresión do Alzheimer, sempre que exista un compromiso conxunto entre profesionais, administracións e cidadanía.
AFACO traballa desde 1995 na Coruña para ofrecer atención integral a persoas con Alzheimer e ás súas familias, combinando servizos sociais, terapéuticos e de acompañamento que promoven a calidade de vida e unha prevención activa.