Thais Pousada e Manuel Lagos participan no Breaking Barriers Congress
03/06/2022 – CITIC
Os investigadores do CITIC Thais Pousada e Manuel Lagos participaron no Breaking Barriers Congress (BBC), que se celebrou en Barcelona do 26 ao 28 de maio organizado pola Fundación Romper Barreras. A temática do congreso centrouse na tecnoloxía de apoio e na comunicación aumentativa.
Na xornada do xoves, Manuel Lagos presentou un dos seus traballos sobre realidade virtual aplicada á intervención con persoas con diversidade funcional. Na súa intervención, destacou as vantaxes da utilización de contornas virtuais fronte a contornas reais. Ademais, presentou as características de cada un dos escenarios desenvolvidos, así como unha demo da aplicación.
Pola súa banda, Thais Pousada expuxo o sábado un estudo realizado acerca dos produtos e tecnoloxías de apoio á comunicación para as persoas con Esclerose Lateral Amiotrófica, en colaboración coa asociación AGELA. Como resultado do seu estudo, nace unha guía de recursos para a comunicación das persoas con ELA.
Este congreso foi un punto de encontro con investigadores e profesionais que están a traballar no ámbito da tecnoloxía ao servizo das persoas con diversidade funcional e persoas maiores, polo que supuxo unha oportunidade para difundir os resultados dos proxectos que se están desenvolvendo no CITIC.