23/10/2020 – CITIC
A investigadora do CITIC Thais Pousada entrou a formar parte do grupo de Innovación Tecnolóxica de Duchenne Parent Project España (DDPE), continuando co traballo colaborativo con diferentes entidades do sector social, e fomentando o uso da tecnoloxía por parte de persoas con diversidade funcional.
O obxectivo do grupo de traballo é visualizar e fomentar calquera avance tecnolóxico para focalizalo na Distrofia Muscular de Duchenne, a través da procura e difusión tecnolóxica, a promoción de proxectos de investigación e innovación, así como contribuír co acceso das tecnoloxías aos pacientes.
DPPE é unha asociación sen ánimo de lucro creada e dirixida por pais e nais de nenos con Distrofia Muscular de Duchenne (DMD) e Becker (DMB), que traballan para mellorar a calidade de vida dos afectados e as súas familias mediante a promoción e financiamento da investigación clínica, servizos de atención psicosocial, campañas de sensibilización e programas educativos.