CITIC
citic-exterior_Thais

Thais Pousada participa como experta na validación dunha ferramenta sobre produtos tecnolóxicos de asistencia promovida pola OMS

21/01/2022 – CITIC

A investigadora do CITIC Thais Pousada participa como profesional experta na validación da ferramenta «Assistive Product Explorer», promovida polo grupo GATE da Organización Mundial da Saúde (OMS).

O proxecto ASPREX (Assistive Product Explorer Artificial Intelligence – Assistive Product Explorer) atópase na súa fase piloto e o seu obxectivo é xerar unha gran base de coñecemento internacional sobre os produtos de tecnoloxía de asistencia existentes. Esta base de datos será accesible a toda a poboación e contará cun sistema de razoamento en liña que brindará orientación sobre os produtos de asistencia que mellor se adapten ás necesidades e circunstancias individuais de cada usuario, baseándose en algoritmos de intelixencia artificial.

Nesta primeira fase, diferentes expertos internacionais validarán o sistema e incorporarán melloras e novas regras de coñecemento para contribuír coa solidez e diversidade desta gran base de datos.

Actualmente, xa é posible acceder ao Assistive Product Explorer en fase beta a través da seguinte ligazón: https://public.asprex.net. Polo momento, atópase só dispoñible en inglés, aínda que se prevé a súa tradución e aplicación a outros idiomas e contextos.