CITIC
Thais_Cabo Verde

Thais Pousada participa en Cabo Verde nun seminario sobre inclusión de nenos e mozos con necesidades especiais

14/02/2023 – CITIC

Thais Pousada participou o 9 e 10 de febreiro en Cabo Verde no Seminario Internacional Incluçao em Rede, organizado pola Universidade de Cabo Verde e a Asociación Colmeia de Pais e Amigos de Crianças e Jovens com Necessidades Especiais.

A investigadora participou na mesa redonda “Tessituras inclusivas em debate: desafios contemporâneos” na que tivo a oportunidade de presentar os proxectos de innovación docente e o título de Espazo Compartido da Universidade da Coruña, do que é a súa directora académica.

Pousada tamén participou no taller “Tecnologias de apoio – acessibilidade e inclusão, direito de todos!” que estivo dedicado á presentación de resultados da liña de investigación na creación e deseño de tecnoloxías e produtos de apoio de baixo custo para persoas con discapacidade e a mostrar as posibilidades que ofrece a impresora 3D como un medio alcanzable e ao alcance dos profesionais para a súa elaboración.

Esta participación xorde da colaboración que estableceron as entidades cabo verdianas co Centro de Recursos para a Inclusão Dixital do Instituto Politécnico de Leiria, no que Thais Pousada está a realizar unha estancia de investigación.

A partir deste primeiro contacto xurdiron novas posibilidades de colaboración entre a Universidade de Cabo Verde e a Asociación Colmeia dirixidas á mellora das condicións de vida da poboación infantil con necesidades especiais da illa de Santiago.