23/06/2021 – CITIC
A investigadora do CITIC Thais Pousada visitou a semana pasada a Lithuanian University of Health Sciences (LSMU), institución coa que a Universidade da Coruña acaba de asinar un convenio para facilitar a mobilidade entre estudantes e profesores.
Durante a súa estancia, a investigadora puido coñecer as características de diferentes proxectos de investigación e de terapia ocupacional da institución lituana, así como visitar diferentes centros de intervención clínica e tecnolóxica. Ademais, tamén impartiu varias clases sobre produtos de apoio e impresión 3D para terapia ocupacional e participou na defensa dos TFG dos seus estudantes.
LSMU é unha das mellores e máis grandes institucións de educación superior para ciencias biomédicas en Lituania, con case 100 anos de experiencia académica e un gran potencial de desenvolvemento. O ensino e a investigación médicas baséanse principalmente na cooperación coa institución sanitaria máis grande dos Estados bálticos: o Hospital de LSMU “Kauno klinikos”.