
TIC ao servizo do coidado da demencia
- O CITIC forma parte dun proxecto europeo destinado a mellorar a formación dixital de profesionais sanitarios e universitarios, co obxectivo de capacitar a máis de 150 persoas.
- Busca mellorar a calidade do coidado a persoas con demencia, promover o uso de ferramentas dixitais na formación profesional e reforzar a cooperación europea no ámbito sociosanitario.
- O centro TIC da UDC acolleu esta semana a primeira reunión transnacional do proxecto DEDUC, financiado por Erasmus+, con socios de cinco países europeos.
A Coruña, 14 de maio de 2025. – O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC, en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña, acolleu estes pasados luns e martes a primeira reunión transnacional do proxecto europeo DEDUC – Distance Education and Vocational Training on Dementia for University Students and Healthcare Professionals. Este encontro reuniu na Coruña a representantes das sete institucións socias do consorcio transnacional, marcando o inicio oficial desta iniciativa financiada polo programa Erasmus+.
O proxecto foi aprobado dentro da convocatoria KA220-VET de Erasmus+ (2024), correspondente a asociacións para a cooperación no ámbito da formación profesional, e conta cun financiamento total de 250.000 euros. A través desta iniciativa espera formar a máis de 150 participantes entre profesionais sanitarios de ámbitos como a enfermería, psicoloxía, terapia ocupacional e traballo social, e estudantes universitarios en disciplinas afíns. O impacto a medio prazo inclúe unha mellora na calidade do coidado a persoas con demencia, un maior uso de ferramentas dixitais na formación profesional e unha cooperación europea reforzada no ámbito sociosanitario.
Para o subdirector do CITIC, Javier Pereira, “este proxecto supón unha oportunidade para aplicar as TIC á saúde e ó envellecemento activo, aliñándose coas súas liñas estratéxicas de investigación e innovación con impacto social”.
Obxectivo do proxecto
DEDUC ten como principal obxectivo mellorar as competencias de estudantes universitarios e profesionais sanitarios no coidado da demencia mediante o desenvolvemento dun programa de formación profesional a distancia, baseado en tecnoloxías dixitais, contidos innovadores e enfoques inclusivos. Esta proposta responde á crecente necesidade de persoal cualificado para atender a unha poboación europea cada vez máis envellecida.
Institucións participantes
O proxecto está coordinado polo Instituto Politécnico do Porto, en Portugal, e conta cun consorcio transnacional formado por diversas institucións de distintos países: por parte de España a Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e o CITIC, a Fundació ACE, Barcelona Alzheimer Treatment & Research Center; por Portugal a Irmandade da Santa Casa da Misericórdia de Riba D’Ave; a ELLINIKI ETAIRIA NOSOY ALZHEIMER KAI SYGGENON DIATARACHON SOMATEIO por Grecia e a SPOMINCICA – Asociación Eslovena de Alzheimer por Eslovenia.
Actividades crave
O plan de traballo de DEDUC contempla as seguintes accións principais:
- Desenvolvemento dunha plataforma dixital de formación, accesible e interactiva, que incluirá materiais en vídeo, presentacións en directo, bibliografía especializada e foros de intercambio.
- Deseño e implementación dun programa de formación profesional en coidados de demencia, dirixido tanto a coidadores como a persoal sanitario.
- Creación dun xogo de simulación dixital, como ferramenta complementaria para reforzar a aprendizaxe práctica en contextos reais.
- Redacción dunha guía de transferencia e recomendacións políticas, co fin de facilitar a replicabilidade do modelo noutros países e contextos educativos.
- Tradución multilingüe da plataforma e os seus contidos (español, portugués, inglés, grego e esloveno) para garantir a máxima accesibilidade.
O proxecto terá unha duración de 28 meses, comezando o 1 de setembro de 2024 e finalizando o 31 de decembro de 2026.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial ; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade .
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).