CITIC

Torusware forma parte dun proxecto que investiga sobre a incorporación de material reciclado á industria 4.0 circular

04/03/2021 – CITIC

Torusware, startup creada por un equipo de investigadores do CITIC, forma parte do consorcio galego que investiga unha técnica de análise para incorporar material reciclado á industria 4.0 circular. O proxecto denominado TACTICS (Novas Técnicas de Control para a Transición Industrial cara a unha Economía Circular Segura) foi posto en marcha xunto con outras dúas empresas galegas, AMSLab e Sigillum. Trátase do único consorcio en Galicia que obtivo financiamento no programa Misións CDTI; de entre máis de 100 consorcios solicitantes, só 8 agrupacións de pemes conseguiron financiamento en España.

O obxectivo do proxecto TACTICS é demostrar a viabilidade e idoneidade de novas técnicas de análise química para facilitar a incorporación de materiais reciclados á cadea de valor da industria 4.0 circular. Despregarase durante 29 meses cunha meta clara: desenvolver unha nova técnica de análise química para verificar se materiais que se etiquetan como reciclados, rexenerados ou sostibles realmente o son. Esta técnica podería chegar a aplicarse na industria agroalimentaria, cosmética, téxtil ou do plástico.

Unha das vantaxes do proxecto TACTICS é que utiliza unha técnica económica, a partir da resonancia magnética nuclear, que se complementa con Intelixencia Artificial e Big Data. A iniciativa conta cun orzamento de case 1,6 millóns de euros.

Os investigadores do CITIC Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica son os creadores de Torusware, empresa fundada en 2013 especializada en Big Data e DevOps. Cómpre destacar que Torusware recibiu o Premio Nacional de Informática 2020 na categoría Ramón Llull, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.