CITIC
Torusware_

Torusware, spin-off do CITIC, lidera o informe ARDÁN de Xestión do Talento en 2021

16/09/2021 – CITIC

Torusware, startup creada por un equipo de investigadores do CITIC, encabeza a clasificación das empresas galegas que mellor xestionan o talento. Así o determina o informe ARDÁN de Xestión do Talento en 2021, desenvolvido polo Consorcio da Zona Franca de Vigo.

Os investigadores do CITIC Guillermo López Taboada, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica son os creadores de Torusware, empresa fundada en 2013 especializada en Big Data e DevOps. O director xeral da compañía, Guillermo López Taboada, indica que “é clave contar cun equipo humano altamente formado, con varios doutores en informática, membros do CITIC, así como un importante investimento en I+D+i e en captación, retención, formación e desenvolvemento do seu talento”.

Esta clasificación elabórase en función políticas de contratación levadas a cabo pola empresa, a organización, as promocións, o desempeño e a retribución. O aspecto da xestión ao que se refire o informe enfócase nas condutas empresariais cara aos seus empregados, incluíndo os propios directivos, como medio eficaz para contribuír a alcanzar os mellores resultados. Así, tense en conta que os empregados poidan atopar a flexibilidade, capacitación e recoñecemento en ambientes colaborativos coa organización.

Cabe destacar que Torusware recibiu o Premio Nacional de Informática 2020 na categoría Ramón Llull, outorgado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA.

Avansig e Bahía Software forman parte da clasificación

Avansig, empresa creada por antigos investigadores do CITIC, tamén se atopa da listaxe, ocupando o posto número 16. Ademais, Bahía Software, que forma parte do padroado da Fundación CITIC de Galicia, figura no décimo primeiro posto.

O sector de Información e coñecemento é a categoría empresarial máis destacada, xa que 6 empresas aparecen entre as 20 mellores.