CITIC

siggraph_imagen

Un artigo de José A. Iglesias Guitián presentarase na conferencia SIGGRAPH Asia en Corea

24/11/2022 – CITIC

O traballo “Neural James-Stein Combiner for Unbiased and Biased Renderings”, desenvolvido polo investigador do CITIC José A. Iglesias Guitián xunto con Jeongmin Gu e Bochang Moon do Gwangju Institute of Science and Technology – GIST de Corea do Sur, presentarase en SIGGRAPH Asia 2022, un dos eventos máis importantes a nivel internacional no ámbito da computación gráfica e as técnicas interactivas.

A 15th ACM SIGGRAPH Conference and Exhibition on Computer Graphics and Interactive Techniques in Asia celebrarase do 6 ao 9 de decembro en Daegu (Corea do Sur) e reunirá a preto de 8000 profesionais que traballan en computación gráfica e técnicas interactivas, en áreas tales como a investigación, ciencia, arte, animación, gaming, educación e tecnoloxías emerxentes.

A presentación do artigo será a cargo da estudante do GIST e primeira autora, Jeongmin Gu, e terá lugar o 9 de decembro dentro da sesión “Sampling and Reconstruction”. O artigo foi seleccionado ademais para a súa publicación nun número especial da revista ACM Transactions on Graphics (TOG).

A xeración de imaxes mediante técnicas avanzadas de render, p.e. Monte Carlo path tracing, adoita producir altos niveis de ruído nas imaxes xeradas cando non se dispón dos recursos necesarios (xa sexa tempo ou recursos de cálculo) para completar adecuadamente a computación asociada á simulación do transporte de luz.

Esta colaboración entre GIST e a UDC-CITIC propón un novo marco para mellorar a calidade das imaxes xeradas mediante a fusión de algoritmos de render non nesgados (p.e. Monte Carlo path tracing) e o resultado outras técnicas que conseguen reducir o ruído á conta de introducir un certo nesgo (p.e. eliminadores de ruído ou denoisers, baseados en aprendizaxe máquina). O marco proposto para a fusión de ambos os resultados baséase no estimador de James-Stein e permite tanto mellorar a converxencia das imaxes resultantes, como garantir que o erro cometido estea sempre acoutado baixo o limiar marcado polas técnicas non nesgadas.

< Return to News