
Un informe liderado por Francisco Bellas mostra que a IA na educación debe incluír explicacións personalizadas para ser fiable
Foto cedida por Quintana.
- Francisco Bellas, investigador do CITIC da UDC, liderou unha investigación europea que reflexiona sobre a necesidade de que as ferramentas de IA que se utilizan en educación inclúan explicacións sobre as súas respostas e que estas estean adaptadas ás necesidades específicas de estudantes e profesionais da educación.
- A explicabilidade da IA é un tema crucial para promover o pensamento crítico e a fiabilidade destas ferramentas.
A Coruña, 15 de maio de 2025. – No seu continuo esforzo por promover a mellora da educación dixital, o equipo liderado polo investigador Francisco Bellas, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, desempeñou un papel crave no desenvolvemento dun informe pioneiro sobre a Intelixencia artificial Explicable (XAI) no ámbito educativo. Esta iniciativa é parte dun esforzo conxunto liderado polo Centro Europeo de Educación Dixital (EDEH), coa colaboración de expertos internacionais de distintos sectores educativos.
O informe, que resulta do labor do grupo de traballo número 13 de EDEH, centrouse en tres aspectos fundamentais da XAI: implicacións legais, personalización e alfabetización en IA. Estes elementos abórdanse de forma práctica, mediante a análise de casos reais e recomendacións claras para a implementación da XAI na educación.
O proxecto foi iniciado en agosto de 2024, cando Bellas recibiu a invitación para liderar o equipo tras participar nun proxecto previo sobre a IA na educación no mesmo EDEH. Esta nova iniciativa centrouse na explicabilidade da IA, un tema crucial para garantir que as ferramentas tecnolóxicas sexan comprensibles e accesibles para educadores e estudantes.
No informe, examínanse en profundidade os aspectos legais relacionados co uso da IA no sector educativo, prestando especial atención á Lei de IA e ao Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD), normativas esenciais para asegurar que as tecnoloxías se implementen de maneira ética e legal. Ademais, destácase a necesidade de personalizar as explicacións que proporcionen as ferramentas de IA para adaptalas ás necesidades específicas de estudantes, educadores ou equipos directivos, asegurando que cada individuo reciba o apoio adecuado para comprender as respostas.
O informe tamén subliña a urxencia de desenvolver competencias dixitais ao redor da IA. “A alfabetización en IA é esencial non só para os educadores, senón tamén para os estudantes, que deben ser capaces de comprender as decisións tomadas polos sistemas de IA e actuar de maneira autónoma e responsable no seu proceso de aprendizaxe” afirma o investigador do CITIC, Francisco Bellas.
Webinar sobre XAI na Educación
O informe está dispoñible para o público (polo momento a través deste post de LinkedIn, e nunhas semanas na propia web do servizo de publicacións da Comisión Europea) e espera que sexa unha ferramenta valiosa para a comunidade educativa interesada na IA. Como parte desta iniciativa, o CITIC da UDC convida a todos os interesados a unirse ao webinar que se celebrará o próximo 20 de maio. Este evento será unha oportunidade para profundar nos temas tratados no informe e para fomentar o debate sobre como a IA pode ser implementada de forma ética e efectiva no ámbito educativo.
Os interesados poden rexistrarse para asistir ao evento a través da seguinte ligazón: EUSurvey – Survey.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial ; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade .
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).