Un proxecto de investigación coordinado polo CITIC da UDC desenvolve aplicacións para mellorar a xestión da mobilidade das empresas
26/02/2021 – CITIC
- Este venres presentáronse os resultados do proxecto GEMA (GEstión de la MovilidAd), financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN).
- A presentación foi a cargo da investigadora do CITIC e coordinadora xeral do proxecto, Nieves R. Brisaboa, recoñecida co Premio Nacional de Informática en 2019.
- As entidades participantes, ademais do CITIC, foron as empresas GESUGA – Gestora de subproductos de Galicia, AO Mayores Servicios Sociales, Taprega Prevención de Riesgos e Enxenio.
O proxecto GEMA (GEstión de la MovilidAd), liderado polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, logrou desenvolver tres aplicacións funcionais destinadas a mellorar a xestión da mobilidade dos traballadores, así como unha ferramenta capaz de automatizar a creación de novas aplicacións de mobilidade. Así o expuxo a coordinadora xeral do proxecto, a investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa, no acto de presentación de resultados que tivo lugar esta mañá no centro. O proxecto GEMA foi financiado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria e a cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020. O proxecto comezou a súa andadura en abril de 2019 e rematou a finais de 2020.
Esta iniciativa tivo o obxectivo de axudar ás empresas a mellorar a súa xestión da mobilidade a través da planificación das rutas. Así, participaron tres empresas que contan con traballadores que realizan o seu traballo desprazándose. Son GESUGA – Gestora de subproductos de Galicia, AO Mayores Servicios Sociales e Taprega Prevención de Riesgos. O equipo do CITIC deseñou unha aplicación funcional para cada unha delas. Ademais, colaborou no proxecto Enxenio, unha empresa de software que tiña o fin de desenvolver unha ferramenta para automatizar a posta en marcha de aplicacións de xestión da mobilidade.
Deste xeito, os catro retos tecnolóxicos que abordou o proxecto GEMA foron a planificación, seguimento, almacenamento e explotación de rutas, axendas e horarios; o seguimento de traballadores en mobilidade, a anotación da súa traxectoria e detección automática da súa actividade; o almacenamento e explotación de traxectorias; e o desenvolvemento automatizado de aplicacións de xestión de traballadores en mobilidade.
A coordinadora xeral do proxecto, Nieves R. Brisaboa, confirmou que “se lograron todos os obxectivos do proxecto, a pesar de que a pandemia dificultou as actividades”, debido á imposibilidade de acceso á residencia Mayores e á interrupción de determinadas tarefas en GESUGA e Taprega.
A investigadora indicou que “dende o CITIC seguiremos comprometidos cos traballos de investigación, depurando e mellorando as estruturas de datos e os algoritmos desenvolvidos”. Tamén sinalou que, pola súa banda “as empresas seguirán facendo a paulatina integración dos prototipos no seu día a día”.