20/12/2021 – CITIC
O CITIC obtivo apoio da Xunta de Galicia, a través de GAIN, para o desenvolvemento dun proxecto de I+D+i orientado a facer fronte á pandemia no marco do programa das axudas Conecta Covid. Das 24 solicitudes presentadas, unicamente obtiveron financiamento 9 propostas.
O proxecto do CITIC seleccionado, denominado CO3 (Cosmética activa contra os coronavirus, solución a longo prazo), obtivo financiamento de máis de 77.000 euros e está dirixido na UDC pola investigadora do CITIC Susana Ladra. Pretende, en función dunha mestura sinérxica complexa de ingredientes naturais, desenvolver produtos de cosmética de mans e facial con capacidade antiviral de amplo espectro.
Todos os proxectos seleccionados están aliñados cos obxectivos dos Hubs Galegos de Innovación Dixital, DIHGIGAL e DATAlife, ambos os dous axentes colaboradores na convocatoria e no desenvolvemento do programa de axudas que fomenta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia.