Un proxecto no que participa o CITIC confirma a eliminación do material xenético do SARS-CoV-2 nas augas residuais antes da súa saída ao mar
05/05/2020
Os investigadores do CITIC Ricardo Cao e Susana Ladra participan no proxecto de investigación posto en marcha pola empresa pública Edar Bens SA para analizar a presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. O estudo determinou que, aínda que chega material xenético do virus á planta, este elimínase antes da súa saída ao mar, polo que queda descartada a súa diseminación ambiental na costa coruñesa.
Este era un dos obxectivos do proxecto de investigación que realiza un equipo multidisciplinar liderado pola investigadora do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Margarita Poza, e do que tamén forman parte o CHUAC, a UDC e o CICA.
O proxecto analiza distintos puntos do alcantarillado para medir a incidencia do SARS-CoV-2 na poboación e predicir futuros brotes, a través da análise da carga viral presente nas augas residuais e lodos da depuradora de Bens, xa que recolle datos de toda a poboación, incluíndo persoas que pasaron o COVID-19 sen sabelo. Ademais, o mantemento da toma de mostras no tempo permitirá estar alerta ante posibles repuntes de COVID-19.
O proxecto foi invitado a sumarse á rede europea NORMAN de investigación científica sobre augas residuais para colaborar nun estudo conxunto con plantas de tratamento de Francia, Noruega, Alemaña, Holanda, Eslovaquia, Suíza, Suecia, etc.