Unha adaptación para a cesta da compra e unha aplicación para previr a atrofia muscular, premiados no encontro europeo no CITIC
- O primeiro premio foi para o equipo Muscle Guardians, que desenvolveu unha ferramenta que adapta os exercicios ás características do usuario, permitindo unha rehabilitación máis efectiva.
- O grupo 3D Makers-Ripers obtivo o segundo premio por unha serie de solucións accesibles: unha adaptación para a cesta da compra para persoas en cadeira de rodas, un abrelatas accesible para unha soa man e un soporte para paraugas que facilita o seu uso en cadeira de rodas.
- Durante tres días, os participantes procedentes de entidades nacionais e internacionais traballaron en equipo para abordar desafíos prácticos relacionados coas necesidades diarias das persoas con discapacidade.
- O hackaton forma parte do proxecto Erasmus+ Design2Freedom, coordinado pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade (COCEMFE) coa participación do grupo Talonis do CITIC.
A Coruña, 04 de decembro 2024. – Na xornada deste mércores concluíu a competición europea organizada no CITIC, coa entrega de premios ás mellores solucións tecnolóxicas para a inclusión de persoas con discapacidade. O primeiro premio foi para o equipo Muscle Guardians, que presentou unha innovadora aplicación personalizada para previr a atrofia muscular, adaptando os exercicios ás características individuais do usuario e permitindo unha rehabilitación máis efectiva.
O segundo premio foi outorgado ao grupo 3D Makers-Ripers, pola súa serie de solucións accesibles, entre elas unha adaptación para a cesta da compra deseñada para persoas en cadeira de rodas, que mellora a autonomía nas compras diarias, ademais dun abrelatas accesible para persoas cunha soa man e un soporte para paraugas para facilitar o seu uso en cadeira de rodas.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña acolleu entre o 2 e o 4 de decembro o hackaton europeo que reuniu a equipos de traballo multidisciplinarios para desenvolver solucións innovadoras que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade. Organizado polo CITIC coa colaboración a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), este evento contou coa participación de entidades internacionais como Vilniaus Kolegija (Lituania), Creative District (Bélxica) e Technicka Univerzita v Kosiciach (Eslovaquia).
Durante tres xornadas os participantes traballaron en equipo para abordar desafíos prácticos relacionados coas necesidades diarias das persoas con discapacidade. Estes retos, identificados polas propias persoas con discapacidade en colaboración cos socios europeos e as entidades colaboradoras, inclúen a creación de ferramentas e dispositivos que promovan a independencia e a inclusión, como adaptacións para persoas usuarias de cadeiras de rodas, un abrelatas multifuncional que poida manexarse cun só brazo, e solucións tecnolóxicas que melloren a accesibilidade.
Mellorar a accesibilidade a través da tecnoloxía
O hackaton que acolle esta semana o CITIC forma parte do proxecto Erasmus+ Design2Freedom, coordinado por COCEMFE, cuxo obxectivo é promover a accesibilidade e a inclusión de persoas con discapacidade mediante o uso de tecnoloxías. O grupo de investigadoras do CITIC, que participa neste proxecto, está comprometido coa investigación e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas accesibles. Nas actividades previas do proxecto, como as xornadas formativas celebradas en Madrid, o Grupo TALIONIS da UDC compartiu a súa experiencia en áreas como impresión 3D, software de comunicación e ferramentas para a creación de contidos dixitais accesibles.
A iniciativa está centrada na persoa e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que poidan ter un impacto positivo na vida cotiá das persoas con discapacidade. A colaboración entre universidades, investigadores e entidades sociais internacionais contribúe á creación dunha contorna máis accesible e equitativo para todas as persoas.
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro Excelente e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora”.