Unha investigadora do CITIC da UDC, Premio Fin de Carreira da Xunta pola súa excelencia académica
A Coruña, 7 de agosto de 2024. –Ana Xiang Ning Pereira Ezquerro, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña (CITIC), foi unha dos 106 universitarios galegos aos que a Xunta lle outorgou os Premios Fin de Carreira este 2024. Aos seus 23 anos, Pereira Ezquerro foi recoñecida polo seu sobresaínte expediente académico, que inclúe quince matrículas de honra, e destácase como unha das mellores graduadas da primeira promoción do Grao de Enxeñería de Datos da Universidade da Coruña.
Actualmente, Ana Xiang Ning está a cursar un Máster en Intelixencia artificial e compaxina os seus estudos co seu traballo como investigadora, que se centra en desenvolver algoritmos avanzados para interpretar e procesar texto escrito por persoas, unha tarefa que vai máis aló dos modelos matemáticos tradicionais e require técnicas adaptadas ao razoamento humano.
Nas súas propias palabras, Pereira Ezquerro explica a importancia do seu campo: “Cada vez hai máis datos que tratar, e a automatización do procesamento é crucial para extraer información valiosa que poida guiar a toma de decisións empresariais ou detectar potenciais perigos. A miña carreira baséase en procesar grandes volumes de datos e xerar modelos preditivos que, por exemplo, poidan estimar as vendas futuras dunha empresa”.
O Premio Fin de Carreira da Xunta, que recoñece aos mellores expedientes académicos do ano, outorga a cada galardoado unha achega económica de 3.500 euros e un diploma acreditativo. Este ano, un total de 106 universitarios foron premiados pola súa excelencia académica, un 62% dos cales foron mulleres. Destes premios, 19 foron para estudantes da Universidade da Coruña, destacando en distintas titulacións como Enxeñería Informática e o Grao de Dereito.
Ana Xiang Ning, quen ademais da súa brillante traxectoria académica combinou os seus estudos co traballo e a práctica profesional, menciona que a súa dedicación ao estudo foi intensa: “No último ano do grao, a combinación de clases, prácticas e o traballo no TFG levábame a dedicar case todo o día aos meus estudos. É un sacrificio, pero a miña paixón pola enxeñería de datos impulsoume a seguir adiante”.