
V edición de Talentos Inclusivos: 59 retos tecnolóxicos para mellorar a vida cotiá de persoas con discapacidade
- O programa do CITIC da UDC e ASPACE Coruña reúne no peche deste curso en Santiago a 450 estudantes, docentes, persoal de investigación e persoas con discapacidade para visibilizar a inclusión a través da innovación.
- Entre as solucións presentadas por 15 centros escolares galegos destacan adaptacións 3D, sistemas electrónicos, soportes personalizados e aplicacións visuais deseñadas para mellorar a autonomía e a calidade de vida de persoas con parálise cerebral.
Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2025.- O Edificio Fontán, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, acolleu esta mañá o acto de clausura da V edición do programa Talentos Inclusivos, unha iniciativa impulsada polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS, en colaboración con ASPACE Coruña, cuxo principal obxectivo é fomentar a inclusión de persoas con discapacidade a través de retos tecnolóxicos e creativos desenvolvidos por centros educativos galegos.
Nesta edición, os 15 centros participantes desenvolveron un total de 59 solucións tecnolóxicas dirixidas a mellorar a vida cotiá de persoas con parálise cerebral. Estes retos foron propostos por usuarios e profesionais de entidades como ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e o Centro de Formación Profesional de Cruz Vermella A Coruña, e abordados por alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional, en colaboración con persoal investigador do CITIC.
Entre as solucións presentadas destacan propostas como ramplas portátis adaptadas, taboleiros electrónicos didácticos, mecanismos para facilitar o descanso con mans estiradas, mantas de peso con luces, canastras para piscina, timbres inalámbricos con pulsador, adaptacións en impresión 3D para obxectos cotiáns, e videoxogos educativos inclusivos.
Unha xornada con máis de 450 asistentes para visibilizar a inclusión desde as aulas
O evento reuniu a máis de 450 persoas, entre estudantes, docentes, persoas con discapacidade, persoal de investigación e institucións colaboradoras, consolidando a Talentos Inclusivos como un referente na promoción da ciencia inclusiva e a concienciación social desde as aulas.
Desde primeira hora, os centros participantes procedentes de distintos puntos de Galicia expuxeron os seus proxectos ante o público. A xornada continuou cunha visita libre á exposición, unha xincana interactiva para fomentar o intercambio entre asistentes e un sorteo de dous premios.
Ás 12.00h tivo lugar a chegada das autoridades, que participaron nunha foto de familia e realizaron unha visita guiada polos expositores acompañados por Javier Pereira, subdirector do CITIC. Durante o percorrido, fíxose entrega de diplomas de participación como recoñecemento ao compromiso e esforzo de cada centro.
Na súa intervención, o director do CITIC, Manuel G. Penedo, quixo destacar o impacto do programa: “Talentos Inclusivos demostra que a tecnoloxía tamén pode ser unha ferramenta de xustiza social. Que estudantes, persoas con discapacidade e persoal investigador traballen xuntos en retos reais, con resultados concretos, é a mellor maneira de fomentar unha sociedade máis inclusiva e consciente. Este programa une vocación científica, compromiso social e educación de calidade”.
Cinco anos impulsando a inclusión desde a ciencia e a tecnoloxía
Con cinco edicións xa celebradas, Talentos Inclusivos promoveu o desenvolvemento de máis de 70 solucións tecnolóxicas reais, espertando vocacións STEM entre a mocidade galega e consolidando a colaboración entre o sistema educativo, a comunidade científica e o tecido social.
Na edición deste ano, o proxecto involucrou a máis de 500 persoas, entre estudantes e persoas con discapacidade, nun proceso de co-creación tecnolóxica con impacto real na vida cotiá das persoas beneficiarias.
Sobre Talentos Inclusivos
Talentos Inclusivos é un proxecto desenvolvido polo CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) da UDC (Universidade da Coruña) e ASPACE Coruña, e que conta co apoio da FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; o Consello Social da UDC; o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia a través das Consellerías de Educación, Ciencia, Universidades e FP e Política Social e Igualdade.
O seu obxectivo é espertar vocacións STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics) entre os mozos e dar a coñecer a realidade da discapacidade a través de equipos colaborativos de traballo para resolver retos tecnolóxicos expostos por persoas con parálise cerebral.
A través deste proxecto, estudantes de secundaria e bacharelato de diversos institutos de Galicia, terán que buscar solucións tecnolóxicas a unha serie de retos que serán propostos por usuarios da entidade ASPACE Coruña, Amencer-ASPACE, APAMP e Cruz Vermella A Coruña.
Máis información: https://talentosinclusivos.citic.udc.es/
Sobre o CITIC
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial ; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora” (ED431G 2023/01).