Verónica Bolón recibe o Premio Dona TIC 2020 na categoría revelación
16/10/2020 – CITIC
A investigadora do CITIC Verónica Bolón acaba de ser galardoada cun premio Dona TIC, que outorga a Consellería de Políticas Dixitais e Administración Pública da Generalitat de Cataluña, dentro do plan DonaTIC. En concreto, recibiu o premio na categoría revelación polo seu traballo no ámbito das TIC.
Estes galardóns recoñecen o talento, emprendemento e empoderamento no ámbito tecnolóxico de oito mulleres procedentes de diversos ámbitos, como son o empresarial, profesional, académico e iniciativas sociais. Así, tamén teñen a finalidade de ofrecer referentes a nenas e mulleres nas disciplinas STEM e a asumir posicións de liderado no sector. As oito galardoadas nesta sexta edición foron seleccionadas entre 85 candidaturas.
Verónica Bolón é doutora en Informática pola UDC, secretaria da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (AEPIA) e está comprometida co fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas, coordinando o nodo do proxecto Inspira STEAM en A Coruña.
O acto de entrega tivo lugar o martes 13 de outubro, como conmemoración do Día de Ada Lovelace, unha celebración internacional dedicada aos logros das mulleres en áreas STEM e que ten lugar cada ano o segundo martes de outubro.