CITIC

Vicente Moret impartirá unha charla enmarcada dentro do proxecto europeo NEASQC

13/05/2021 – CITIC

O investigador do CITIC Vicente Moret foi convidado pola empresa Electricité de France (EDF) a impartir unha charla sobre Razoamento Aproximado, Intelixencia artificial e Computación Cuántica. A conferencia, que terá lugar o próximo mes de setembro, está enmarcada no proxecto europeo NEASQC, no que participa o CITIC.

Électricité de France (EDF) é unha empresa multinacional francesa de xeración e distribución eléctrica. Trátase do primeiro produtor e distribuidor de electricidade de Europa, e a nivel mundial é o segundo produtor de electricidade en termos de potencia instalada.

O proxecto NExt ApplicationS of Quantum Computing (NEASQC), no que participan os investigadores do CITIC Vicente Moret Bonillo, Carlos Vázquez Cendón, Juan Touriño Domínguez e Ramón Doallo Biempica, investigará unha gran selección de casos de uso industriais e financeiros compatibles cos procesadores cuánticos actuais (denominados NISQ). Así, ten como obxectivo demostrar que existen casos de uso de prácticos e relevantes onde é interesante empregar os dispositivos NISQ que estarán dispoñibles nun futuro próximo.

O proxecto NEASQC reúne a 12 organizacións de 8 países europeos, e foi financiado cun orzamento de 4,67 millóns de euros pola Comisión Europea no marco do programa Horizonte 2020.