CITIC

Virginia Carcedo analiza o impacto da IA na inclusión laboral no ciclo HumanIA

17/12/2024 - CITIC

O CITIC acolleu este luns 16 de decembro unha nova sesión do ciclo formativo HumanIA, titulada: “Intelixencia artificial e transformación do emprego tradicional: retos e oportunidades” e impartida por Virginia Carcedo Illera. A actividade está impulsada polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración co CITIC.

Virginia Carcedo, destacada experta en inclusión social e transformación laboral, centrou a súa intervención en como as tecnoloxías de intelixencia artificial xenerativa están a transformar as posibilidades de integración laboral e social para persoas con discapacidade. Durante a súa exposición, subliñou a importancia de deseñar tecnoloxías inclusivas desde a súa concepción, abordando os retos éticos e as oportunidades asociadas a estas ferramentas.

Virginia Carcedo definiu 5 etapas de evolución desta tecnoloxía. Empezando polos chatbots que empregan IA con linguaxe conversacional ata chegar ao último chanzo, que será cando poidan desenvolver o traballo dunha organización. A partir dunha explicación sobre a situación actual da aplicación da IA no mercado laboral, realizou unha aproximación ás ferramentas dispoñibles actualmente, como ChatGPT; Gemini ou Claude.

Un dos puntos centrais da charla foi a reflexión sobre as barreiras actuais que enfrontan as persoas no seu acceso á información e ás contornas dixitais. Neste contexto, Carcedo destacou o potencial da IA xenerativa para superar estas dificultades mediante solucións personalizadas que promovan a equidade. Entre os exemplos presentados, mencionou a xeración de subtítulos automáticos, interfaces conversacionais accesibles e ferramentas de apoio á aprendizaxe, que xa están a marcar unha diferenza significativa no día a día de moitas persoas. Durante a súa intervención mostrou o funcionamento de axentes conversacionales como NotebookML, que axuda a extraer ideas e información de documentos, ligazóns, ou gravacións; ou GenFM, de IIElevenLabs, que permite a creación de podcast.

Para finalizar, presentou o proxecto Tándem, que desenvolve a Fundación ONCE co apoio do SEPE dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Desenvolveron un programa de capacitación en ferramentas de intelixencia artificial pensado para persoas con discapacidade. “Debemos ter claro que a intelixencia artificial debe utilizarse para o ben social”, afirmou Carcedo durante a súa intervención.

HumanIA 2024-2025: unha ponte entre humanidades e tecnoloxía

A charla forma parte do ciclo formativo HumanIA 2024-2025, un programa deseñado para analizar como as tecnoloxías emerxentes están a transformar a sociedade e o mercado laboral. Organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co CITIC, este ciclo busca tender pontes entre as humanidades e o ámbito tecnolóxico, fomentando un diálogo interdisciplinar.

Desde o seu inicio, HumanIA reuniu a profesionais de diversos campos para abordar cuestións clave relacionadas co futuro do emprego, a ética dixital e a transformación social.

Sobre Virginia Carcedo

Virginia Carcedo, licenciada en Dereito e especialista en xestión directiva, é unha figura de referencia no ámbito da inclusión laboral e social. Actualmente desempeña o cargo de secretaria xeral e directora de Transformación, Excelencia e Igualdade na Fundación ONCE, ademais de liderar Inserta Emprego. Ao longo da súa traxectoria, liderou proxectos innovadores que combinan o uso de tecnoloxías como a intelixencia artificial co obxectivo de impulsar o emprego inclusivo.

Entre as súas contribucións máis destacadas atópanse iniciativas como Portalento Lattam e a súa participación en órganos directivos de entidades como Grupo ILUNION e REDI. En 2023, o seu compromiso coa igualdade de oportunidades valeulle o premio Women in Retail pola inclusión, consolidándoa como unha referente na intersección entre tecnoloxía, inclusión e transformación social.