Xornada no CITIC para analizar a perspectiva de xénero na investigación
- Eva López Barrio, responsable do programa Woman Emprende e coordinadora do proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres, será a relatora desta sesión formativa dirixida a persoal do CITIC.
Como se introduce a perspectiva de xénero na investigación? Esta será a cuestión á que tratará de dar resposta a responsable do programa Woman Emprende e coordinadora do proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres, Eva López Barrrio, na xornada “A perspectiva de xénero na investigación” que terá lugar o vindeiro martes, 21 de maio, no CITIC da UDC. A través dunha metodoloxía participativa preténdese ofrecer ás persoas asistentes unha visión completa sobre cales son os elementos para ter en conta na elaboración de propostas con perspectiva de xénero e as claves para desenvolver cada unha delas.
Durante a sesión, dirixida a persoal do CITIC, Eva López, fará unha introdución sobre conceptos clave como “sexo” e “xénero” e a incorporación da perspectiva de xénero á xestión de persoas e a actividade investigadora. Así mesmo, a responsable do programa Woman Emprende abordará a perspectiva de xénero desde o punto de vista organizacional, como incorporala á planificación estratéxica do centro, na selección de áreas de investigación e en ofrecer pautas sobre a igualdade de oportunidades.
A incorporación da perspectiva de xénero na actividade investigadora e o proxecto Innovativa 8.3 serán outros dos temas que se traten nesta sesión, para a que as persoas que o desexen poden inscribirse no seguinte formulario: https://forms.office.com/e/fydsc3trgz
Sobre a relatora
Eva López Barrio, licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela, dirixe o Programa Woman Emprende da USC desde 2006, especializándose na promoción da investigación, desenvolvemento e innovación para a creación de spin-offs universitarias lideradas por mulleres.
Desde 2012, é titora das Axudas Emega da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, apoiando a consolidación de empresas femininas beneficiarias desta axuda. Coordina o Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto da Muller e para a Igualdade de Oportunidades, cuxo obxectivo é desenvolver metodoloxías para a creación de spin-offs universitarias femininas, integrando a perspectiva de xénero en todas as fases do proceso.