A Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes recibe o Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do CPEIG
A Cátedra INDITEX-UDC de Intelixencia Artificial en Algoritmos Verdes vén de ser recoñecida co Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), no marco da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Impulsada como unha iniciativa público-privada, a Cátedra ten como obxectivo avanzar cara a unha IA máis sostible, promovendo a investigación, a innovación, a formación e a transferencia de coñecemento arredor dos chamados algoritmos verdes, co fin de reducir o impacto ambiental das tecnoloxías dixitais e contribuír á protección do medio ambiente.
A súa directora, Verónica Bolón, investigadora do CITIC e doutora en Informática, subliña que “a Cátedra é un exemplo de colaboración público-privada para o desenvolvemento de actividades en investigación, formación e difusión no ámbito da IA verde, co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento sostible”. Neste sentido, lembra que o avance da Intelixencia Artificial tamén implica desafíos: “o desenvolvemento e despregamento da IA formula ameazas medioambientais polo uso de recursos computacionais, enerxéticos ou hídricos”.
Fronte a isto, a IA Verde propón solucións máis eficientes. “Comprende o desenvolvemento de sistemas máis sostibles e responsables co medio ambiente”, explica Bolón, quen destaca que estes enfoques permiten acadar resultados eficaces empregando menos recursos e reducindo o impacto ambiental. Así, o enfoque Green-in-AI céntrase en crear algoritmos máis eficientes, mentres que o Green-by-AI emprega a propia IA para analizar grandes volumes de datos e afrontar mellor os retos ambientais. “A IA tamén ten o potencial de reducir o consumo de enerxía e recursos, promover a descarbonización e impulsar a economía circular”, engade.
Desde a súa posta en marcha en 2024, a Cátedra xa está a xerar impacto en múltiples ámbitos. Desenvolve investigación avanzada, reforzando unha liña na que a Universidade da Coruña e o CITIC contan cunha traxectoria consolidada, e impulsa programas formativos como un curso de Experto en IA Verde e microcredenciais orientadas á especialización rápida de profesionais TIC.
Ademais, colabora cos sectores público e privado para mellorar a produtividade e a sustentabilidade, promove aplicacións prácticas en ámbitos como a eficiencia enerxética e os servizos públicos, e desenvolve proxectos de ciencia cidadá e accións de divulgación para achegar a IA á sociedade e fomentar vocacións científicas, especialmente entre nenas e mulleres.
O equipo da Cátedra, de carácter multidisciplinar e recoñecida excelencia científica, consolida o posicionamento da Universidade da Coruña e do CITIC como referentes no ámbito da Intelixencia Artificial sostible.
A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 12 de xuño en Santiago de Compostela.