O Ranking de Stanford inclúe a seis membros do CITIC entre o 2% de científicos máis influentes do mundo
A clasificación World’s Top 2% Scientists List, realizado pola prestixiosa Universidade de Stanford, en California (EEUU), incluíu a seis investigadoras e investigadores do CITIC entre os científicos máis influentes do mundo.
Esta listaxe elabórase a través da base de datos Scopus, proporcionada pola editorial Elsevier, e ten en conta a máis de 200.000 investigadores de 22 campos científicos e 174 subcampos.
Stanford clasifica a investigadoras e investigadores, en primeiro lugar, en base á súa traxectoria investigadora e, en segundo lugar, analizando o último ano de resultados. Avalía información a partir de indicadores como a produción científica ou citas.
Na primeira clasificación, referida á traxectoria profesional, figuran os investigadores Tiago Fernández Caramés e Alejandro Pazos na área de investigación Information & Communication Technologies.
Na clasificación que ten en conta as citas recibidas en 2022, o investigador con maior valoración é Tiago Fernández Caramés, seguido de Paula Fraga Lamas, Verónica Bolón Canedo e Amparo Alonso Betanzos, tamén na área Information & Communication Technologies. Na área de Biology atópase o investigador Diego Darriba López.
En total, 19 investigadores da Universidade da Coruña foron recoñecidos como os máis influentes do mundo, sendo Information & Communication Technologies a área con maior representación con 10 membros, 6 dos cuales forman parte do CITIC. A ela séguenlle as áreas de Biomedical Research, Chemistry, Enabling and Strategic Technologies, Clinical Medicine e, finalmente, Biology, na que figura un membro do CITIC.
O Ranking of the World Scientists: World´s Top 2% Scientists está considerado como un dos máis prestixiosos a nivel internacional e nesta sexta edición avaliou a investigadoras e investigadores de universidades, hospitais e centros de investigación de todo o mundo.