CITIC

A colaboración entre investigadores do CITIC e do IIM-CSIC axuda a desmontar unha teoría asumida relacionada coas células nai e a progresión tumoral

29/10/2019

  • Os procesos de decisión celular están relacionados coa utilidade das células nai e a progresión tumoral.
  • Os resultados do traballo foron publicados na revista científica Nature Communications.

A Coruña, 29 de outubro de 2019.- O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Carlos Vázquez Cendón, xunto cos investigadores do Instituto de Investigaciones Marinas (IIM)-CSIC de Vigo, Manuel Pájaro, Irene Otero e Antonio A. Alonso, desmontan unha teoría asumida ata o momento sobre os procesos de decisión celular, relacionados coa utilidade das células nai e a progresión tumoral.

Os resultados acadados polo equipo multidisciplinar de investigadores galegos foron publicados na revista científica Nature Communications. Este traballo cambia a forma na que se viñan interpretando os resultados experimentais nos procesos de decisión celular, e que permite cuantificar a relación entre ruído molecular e o grao de reversibilidade ou irreversibilidade da decisión celular. Entender como se producen estes procesos é unha cuestión fundamental en bioloxía. Así, as técnicas levadas a cabo polo grupo de investigadores explica a aparente contradición entre teoría e evidencia experimental, o cal ten importantes implicacións a nivel teórico e práctico.

Para acadar o fito foi necesario o desenvolvemento de modelos matemáticos baseados en ecuacións diferenciais e a súa simulación numérica, que proporciona novas interpretacións dos procesos de diferenciación celular.

Os procesos de decisión celular son aqueles mediante os cales as células responden a estímulos e sinais procedentes do seu ao redor cambiando de fenotipo, e polo tanto “deciden” cal é o adecuado a cada situación. Os procesos de decisión celular están involucrados en funcións imprescindibles nos seres vivos como a división celular, e aparecen relacionadas tamén con estados patolóxicos.

De esquerda a dereita: Manuel Pájaro, Irene Otero, Carlos Vázquez e Antonio A. Alonso

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.