CITIC

A doutoranda do CITIC Naomi Diz Rosales recibe o premio de Mozos Investigadores do XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións (SGAPEIO)

30/10/2023 - CITIC

Do 26 ao 28 de outubro levouse a cabo na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canles e Portos da UDC o XVI Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións (SGAPEIO), do cal o CITIC foi patrocinador. 

O evento ten por obxectivo contribuír á divulgación dos avances na teoría, aplicacións e didáctica da estatística e da investigación en operacións. Para iso ofrece diversas conferencias, mesas redondas, talles e comunicacións relacionadas co devandito ámbito e tamén varias actividades de carácter cultural, como visitas a diversos puntos de interese da cidade. Ademais, esta edición coincide coas I Xornadas de Innovación Docente en Estatística e Investigación de Operacións, dirixidas a profesorado da ESO, bacharelato e universidades. 

Este ano, o premio na modalidade aplicada de Mozos Investigadores do congreso foi entregado á doutoranda do CITIC Naomi Diz Rosales polo seu traballo “Predicting intensive care unit bed occupancy under random regression coefficient Poisson models: Application to the COVID-19 pandemic in Galicia”, do cal tamén son autores María José Lombardía, membro do CITIC, e Domingo Morais da Universidade Miguel Hernández (UMH). 

O traballo, que forma parte da tese doutoral da investigadora, parte do contexto da pandemia de COVID-19, destacando as súas consecuencias de gran alcance como o colapso das unidades de coidados intensivos (UCIs). Ante esta premisa, a investigación presenta unha innovadora técnica de estimación en áreas pequenas baseada na definición de modelos lineais mixtos xeneralizados con pendente aleatoria. A metodoloxía desenvolvida aplicouse con éxito na estimación e predición, con ata sete días de antelación, da ocupación na UCI nas sete áreas sanitarias de Galicia (entre o 02/11/2020 e o 06/03/2022) demostrando a súa flexibilidade para adaptarse a todo tipo de períodos epidémicos e variantes. Estes resultados subliñan o seu potencial para ser aplicada con éxito noutros contextos epidémicos.

Máis información sobre o congreso: XVI Congreso SGAPEIO.