CITIC

A FIC premia os mellores Traballos Fin de Grao na súa feira de emprego

26/04/2024 - CITIC

A Coruña, 26 de abril de 2024.- O CITIC participou onte na V Feira de Prácticas e de Emprego da Facultade de Informática da UDC. Trátase dunha cita pensada para estudantado de grao e máster da FIC interesado en realizar prácticas en empresas ou en iniciar a súa carreira investigadora.  

A deste xoves foi a última das tres xornadas do encontro, que comezou o pasado martes 23. Ademais do CITIC, a esta sesión acudiron empresas do sector como Aldaba, ITG, Minsait, NTT Data, Qindel, Sngular, Torus e Trileuco, que puideron facer unha breve presentación sobre o perfil da empresa e que poden ofrecer ao alumnado desta facultade.  

Desde a caseta do CITIC ofreceuse información aos asistentes sobre o plan de prácticas propio, MestreTIC, e doutras accións pensadas para o persoal de investigación ou en formación, como os almorzos TIC Talk ou o Congreso XoveTIC.  

Ao final da mañá entregáronse os IX Premios ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado da FIC, destinados a estudantes con cualificación de Matrícula de Honra e patrocinados polas cátedras Aldaba WIB, CICAS-Sngular e NTT Data, ademais de contar coa colaboración do CITIC e a FUAC. Concedéronse dous accésits, dotados con 500 € cada un, e un primeiro premio de 1500 €. 

O accésit do Grao en Enxeñería Informática foi para Lucía María Álvarez Crespo polo traballo “Amosando ou lado escuro dás redes sociais: desenvolvemento do primeiro corpus en lingua galega para a detección de misoxinia en Twitter/Twitter e Mastodon”, tutorizado por Laura Milagros Castro Souto. Por este mesmo proxecto, Lucía gañou o Premio Cátedra NTT Data «Ao máis relevante no ámbito da diversidade, economía social e promoción da igualdade» no VI Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC en outubro de 2023. 

O accésit correspondente ao Grao en Ciencia e Enxeñería de Datos recaeu en Pedro Redondo Loureiro, polo traballo “Detección automática da enfermidade de Alzheimer a partir de imaxes OCT retinianas en ratos transxénicos PS19 tau”, tutorizado por José Joaquim De Moura Ramos e Marcos Ortega Hortas.  

Finalmente, Jesús Mosteiro García levouse o primeiro premio polo seu traballo “Parallelization of a graph-based multi-view machine learning algorithm”, tutorizado por Jorge González Domínguez e Juan Touriño Domínguez. En marzo deste ano, Jesús e os seus compañeiros do equipo “The High Sleuths” conseguiron a primeira posición na competición CITIC Cyber Competition (C3TF), unha xornada na que estudantes de toda España demostran as súas habilidades en ciberseguridade.