CITIC

A IA transforma a forma de crear imaxes para adestrar sistemas intelixentes

19/12/2025 - CITIC
  • O investigador do CITIC da UDC, Omar A. Mures, presenta en SIGGRAPH Asia 2025 un traballo pioneiro sobre IA xenerativa e segmentación semántica

A Coruña, 19 de decembro de 2025.- Omar A. Mures, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, participou esta semana no congreso internacional SIGGRAPH Asia 2025, un dos principais foros mundiais en gráficos por computador e tecnoloxías interactivas e que se celebra en Hong Kong, onde presenta o seu traballo «Should I render or should AI Generate? Crafting Synthetic Semantic Segmentation Datasets with Controlled Generation».

A investigación exponse nun workshop organizado pola revista científica IEEE Computer Graphics and Applications, tras a publicación do artigo a pasada primavera. A raíz da calidade e o impacto do traballo, os editores da revista decidiron promover este workshop específico dentro de SIGGRAPH Asia, dedicado ás novas aplicacións da intelixencia artificial xenerativa en gráficos por computador e visión artificial.

O estudo explora a integración de modelos de IA xenerativa no proceso de creación automática de imaxes sintéticas anotadas, orientadas ao adestramento de modelos de segmentación semántica, unha tarefa crave e altamente esixente en visión por computador. Os conxuntos de datos sintéticos tradicionais adoitan basearse en complexas simulacións e técnicas de renderizado que, ademais de resultar custosas, teñen dificultades para reproducir con fidelidade a diversidade e as sutilezas do mundo real, como cambios de iluminación, condicións meteorolóxicas ou detalles finos das escenas.

A proposta presentada por Mures introduce o uso de modelos de difusión controlables, capaces de xerar imaxes sintéticas variadas a partir de descricións textuais e guías visuais como máscaras semánticas. Esta metodoloxía permite crear conxuntos de datos etiquetados de forma máis eficiente e realista, reducindo significativamente os custos de produción e mellorando o rendemento dos modelos adestrados con estes datos.

A validez do enfoque demóstrase en dous dominios distintos de segmentación de imaxes, onde os modelos adestrados cos datos xerados mediante IA superan a aqueles baseados en simulacións gráficas tradicionais. Os resultados apuntan a un cambio de paradigma na xeración de datos sintéticos para visión por odenador, expondo unha cuestión central para o futuro do campo: renderizar ou xerar con intelixencia artificial? A participación dun investigador do CITIC da UDC en SIGGRAPH Asia 2025 reforza a proxección internacional do centro e da Universidade da Coruña no ámbito da intelixencia artificial, os gráficos por computador e a visión artificial, así como o seu compromiso coa investigación punteira e a transferencia de coñecemento.