A investigadora do CITIC da UDC Verónica Bolón, Premio Nacional de Investigación 2024
- O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades vén de dar a coñecer as 20 modalidades recoñecidas, dotadas con 30.000 euros cada una.
- A carballesa foi premiada polo seu “excelente traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática” destacando o estudo sobre IA e algoritmos verdes.
“O recoñecemento máis importante de España no ámbito da investigación científica” segundo o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades foi parar nesta edición do 2024 á investigadora do CITIC da UDC Verónica Bolón polo seu traballo en múltiples áreas da aprendizaxe automática. Trátase dos Premios Nacionais de Investigación, que recoñecen as aportacións de 20 profesionais que traballan en diferentes modalidades científicas e contan cunha dotación individual de 30.000 euros.
Algoritmos verdes
En concreto, o premio recibido pola investigadora de Carballo na modalidade María Andresa Casamayor, foi polo seu traballo sobre intelixencia artificial e sustentabilidade “cunha clara aplicación social” dende o emprego de algoritmos para o diagnóstico de enfermidades como o seu uso como axuda na detección de verteduras nos océanos.
Para Verónica Bolón “a consecución deste premio é un soño feito realidade, un recoñecemento á miña traxectoria profesional”. A investigadora agradecía ao persoal investigador co que traballa. “Non podo deixar de agradecer a todos os investigadores e investigadoras cos que traballo ou tiven o pracer de colaborar, porque a ciencia desde logo non é algo que se faga de forma individual”, e destacaba tamén que esta fose a edición cun maior número de mulleres “xa que é absolutamente necesario dar visibilidade á ciencia que facemos as mulleres”.
A ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant destacou o talento dos premiadas e premiados e subliñou que esta é a edición con maior número de mulleres recoñecidas, “xa que nos anos anteriores presentáronse menos candidaturas de investigadoras”. De feito, neste 2024 outras dúas investigadoras galegas ou que traballan nas distintas institucións científicas de Galicia recibiron o galardón pola calidade do seu traballo: trátase de Cristina Blanco, da Universidade de Coruña e Beatriz Peláez, do Centro Singular en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS, da USC).